Domingo, 4 Maio de 2025

Areeiro aconsella aplicar un novo tratamento contra o mildio nas viñas

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que volve recomendar ás persoas viticultoras a aplicación de tratamentos en canto a situación meteorolóxica se estabilice ante o alto risco de propagación do mildio. Neste senso, o persoal técnico da EFA aconsella aplicar un funxicida de acción preventiva, curativa e erradicante, amais de seguir revisando intensamente as viñas nestes días.

Altísimo risco de enfermidades

Aínda que a situación do avance da enfermidade nas viñas revisadas esta semana é moi dispar, con predios completamente libres de mildio e outros relativamente atacados, desde Areeiro subliñan que as condicións meteorolóxicas dos últimos días de humidade e temperaturas nocturnas mínimas altas, unidas as predicións para as vindeiras xornadas, van seguir sendo favorables ao desenvolvemento da citada patoloxía, polo que é necesario realizar os novos tratamentos.

Doutra banda, o aviso refírese tamén ao oídio e recomenda así mesmo o control das viñas ante a aparición de posibles síntomas da enfermidade, debido ao actual momento fenolóxico de máxima vulnerabilidade do acio. No caso do black rot, nas inspeccións realizadas non se detectou avance desta patoloxía, pero o persoal técnico da EFA recomenda tamén unha vixilancia desta enfermidade nas próximas revisións que se fagan aos predios.

Así mesmo, Areeiro alerta do risco de aparición da botrite naquelas zonas que teñan danos por sarabia e, nestes casos, ecomenda ás persoas viticultoras que se van realizar un tratamento fronte ao mildio, procuren que o funxicida leve tamén unha materia activa que protexa fronte a este outro fungo. Por último, no que se refire a outros parasitos da viña, nas revisións realizadas detectouse un lixeiro aumento de cicadelidos e máis síntomas de erinose de verán.

Doutra banda, desde a Estación Fitopatolóxica sinalan que de momento non é necesario facer tratamentos contra a bolboreta do buxo, malia terse producido o nacemento das primeiras eirugas.

Focos de infección nos acios