A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a iniciar a redacción do proxecto do novo treito da autovía Tui-A Guarda, entre o enlace de Areas e a estrada autonómica PO-350. Así llelo explicou hoxe o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, aos empresarios do polígono industrial de Areas-Tui, atendendo á súa petición de reunión para abordar a continuidade desta vía de altas prestacións.
A redacción do proxecto estase a desenvolver no marco do contrato adxudicado a PROYFE-URBING, UTE por máis de 1 M€ para impulsar diferentes actuacións na provincia de Pontevedra. Este contrato forma parte dun máis amplo dividido en catro lotes, un por provincia, cun orzamento global de 4 M€.
O traballo consiste en definir tecnicamente o proxecto da autovía entre o enlace de Areas e a estrada autonómica PO-350, co obxectivo de prolongar a vía e de duplicar o paso inferior de acceso ao polígono, de modo que dea funcionalidade a un enlace completo, tamén en sentido A Guarda, aos tráficos en relación co Areas. Así, coa duplicación do paso inferior, cada sentido de circulación discorrerá por un dos pasos, e, ademais, será posible habilitar unha beirarrúa para o paso de peóns.

De xeito paralelo, tamén se tramitará un proxecto de trazado cos ramais que completen o enlace cara a Tomiño. Tramítase de forma separada porque necesitará dun procedemento expropiatorio para a súa materialización, e deste modo non ralentizará a execución da obra da seguinte fase da autovía, ata a PO-350.
Esta intervención daralle continuidade ao treito que está a ultimarse, que é a conexión da autovía Tui-A Guarda entre os enlaces coa autovía A-55 e de Areas, que xa está completamente en servizo, agás o ramal de entrada en sentido Portugal.
Na xuntanza de hoxe, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, informou aos empresarios dos traballos destinados a rematar esta actuación coa posta en servizo dese último ramal nas vindeiras semanas.
Na xuntanza abordouse tamén as obras previstas para este ano 2024 para mellorar a contorna do enlace, beneficiando tamén a circulación en relación co polígono. Esas actuacións Incluirán a adecuación da antiga conexión da autovía coa PO-552, agora xa sen uso, e permitirán prolongar a beirarrúa na marxe da estrada, a adecuación das interseccións do polígono que soportaron os desvíos de tráfico durante a execución das obras, e a mellora dun paso inferior de acceso ao polígono baixo a A-55.