11 C
Pontevedra
Venres, 3 de Maio de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación revalida o seu compromiso social co tecido asociativo da provincia

    A Deputación revalida o seu compromiso social co tecido asociativo da provincia

    O importe das axudas dedicado ás entidades sen ánimo de lucro do ámbito dos servizos sociais, sociosanitarios e da xuventude ascende a case medio millón de euros

    A presidenta da Deputación, Carmela Silva, anunciou a convocatoria e as bases das axudas a entidades sen fins de lucro para actuacións no ámbito social na provincia durante o ano 2020. As bases reguladoras de concesión destas axudas públicas, que foron aprobadas hoxe en Xunta de Goberno, veñen a reforzar o firme compromiso social que a Deputación de Pontevedra mantén á hora de “facer que a xente poida ter recursos que xestionan as asociacións e apoiar todos os colectivos sociais que tanto traballo fan a prol da integración de todas as persoas”, segundo dixo Silva.

    A convocatoria de subvencións está destinada a regular o procedemento das actuacións de atención especializada dirixidas a persoas en situación de especial vulnerabilidade. O importe total que dedicará a Deputación para concesión destas axudas ascenderá a 470.000 euros. “Estas axudas están dirixidas a colectivos que, polas súas circunstancias persoais, psíquicas, físicas ou socioeconómicas, se atopen en situación de desvantaxe, exclusión e vulnerabilidade social”, explicou a presidenta da Deputación con respecto á importancia destas subvencións.

    As solicitudes deberán presentarse por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Deputación. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles e comezará a partir do día seguinte ó da publicación das bases e do extracto da convocatoria no BOPPO.

    Deste modo, para solicitar as subvencións, as asociacións deberán estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Xunta de Galicia. Ademais, as accións deberán realizarse na provincia de Pontevedra durante o 2020 e estar rematadas o 31 de decembro deste ano. Por último, os criterios de valoración e adxudicación das axudas terán en conta factores como a traxectoria e experiencia da entidade no ámbito social, o compromiso, a coordinación e a acreditación dun sistema de calidade e recoñecementos, así como tamén aqueles relacionados coa calidade e o contido técnico da actuación.

    Entre os proxectos subvencionados noutras convocatorias atópanse iniciativas dirixidas ao fomento da inclusión social de persoas con enfermidade mental crónica, unidades de apoio para a inserción laboral de persoas con diversidade funcional, centros de día no medio rural, axudas para o pago de alugueres, hipotecas e alimentación a familias con baixos recursos, reparto de alimentos, terapias con animais para persoas con necesidades especiais, intervencións asistidas con cans para persoas maiores, explotación de hortas ecolóxicas como terapia para persoas con trastorno do espectro autista, obradoiros de musicoterapia, rehabilitación cognitiva con novas tecnoloxías en saúde mental ou servizos de fisioterapia para persoas con diversidade funcional, entre outras. “Finánciase un amplo abano de actividades que teñen como obxectivo que as persoas con especial vulnerabilidade poidan ter á súa man recursos que lles permitan facer fronte á súa situación”, sentenciou Carmela Silva.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.