23 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación puxo en marcha, dende o comezo da crise sanitaria, máis...

    A Deputación puxo en marcha, dende o comezo da crise sanitaria, máis de 150 medidas para axudar a concellos e sectores produtivos

    A presidenta da Deputación volveu a insistir na necesidade dunha xuntanza telemática das deputacións co presidente da Xunta "porque nestes tempos a información, a colaboración e a coordinación entre administracións é fundamental"

    A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva ofreceru hoxe unha rolda de prensa, –a primeira que se fai en formato telemático–, para dar conta das actuacións que o organismo provincial puxo en marcha dende o inicio da crise sanitaria para axudar tanto aos concellos coma aos sectores produtivos. Esta primeira rolda de prensa ‘virtual’ foi precedida pola primeira Xunta de Goberno telemática na que, entre outras medidas, aprobouse unha achega dun millón de euros, dentro do Plan Concellos, para Arbo, Marín, O Porriño e Soutomaior, municipios que tiñan solicitado recursos para investimentos relacionados con humanizacións e renovación de servizos.

    Carmela Silva repasou, polo miúdo, as actuacións desenvolvidas “máis de 150 que abranguen todos os ámbitos de decisión” sinalou a presidenta provincial. De feito, matizou “non hai un só día no que a Deputación non adopte varias decisións para axudar á provincia a mitigar esta crisis e tamén a deseñar a saída dela”.

    Silva asegurou que por parte do Goberno provincial préstase “atención moi específica aos concellos” aos que cualificou como “os mellores aliados para dar resposta ás necesidades que ten a cidadanía, sobre todo ás persoas máis vulnerables”. Nese sentido, Carmela Silva subliñou o pouco que se fala do traballo dos concellos “que son elementos imprescindibles nesta crise porque son os que están na primeira liña na toma de decisións para facer fronte a tantas e tantas consecuencias desta situación de emerxencia”.

    Centro Príncipe Felipe

    A atención prestada ao Centro Príncipe Felipe foi, dende o primeiro momento “especialísima”, sinalou a presidenta da Deputación ao considera como prioritario “que os nenos e nenas que levan no Príncipe Felipe sen poder ver as súas familias dende o decreto do estado de alarma, teñan todas as garantías de atención educativa, social, afectiva, emocional e de protección da saúde”, unha protección sanitaria rigorosa “tanto para os nenos e nenas como para as traballadoras e traballadores do centro

    Material de protección

    No encontro coa prensa, Carmela Silva prestou especial importancia á protección, tanto da cidadanía coma dos traballadores e traballadoras da administración provincial. Nesa liña, a presidenta subliñou que a adquisición de máscaras de protección e adiantou estar en contacto con distintos provedores para, chegado o momento, “poder cubrir ás necesidades das nosas traballadoras e traballadores, non só dos que agora mesmo están de xeito presencial, que son unha porcentaxe moi baixa, senón pensando na reincorporación futura do resto, para que teñan todas as medidas de seguridade”.

    A presidenta avanzou tamén que se dotarán aos servizos provinciais de mamparas de protección e mesmo se está a estudar a posibilidade “de instalar arcos de medición de temperatura para control de febre para aquelas dependencias da Deputación que superen a afluencia de 50 persoas”.

    Axudas aos concellos

    Carmela Silva salientou que, nestes momentos, estaban transferidos á totalidade dos 500.000 euros aos concellos destinados a actuacións de emerxencia social “e os máis de 1.270.000 euros da liña de axuda extraordinaria polo COVID destinada aos concellos de menos de 20 mil habitantes”.

    Estes recursos –asegurou Silva– “permiten que os concellos poidan facer fronte a medidas de desinfección, de compra de material de protección, de axuda a maiores e menores en situación de vulnerabilidade, á compra de alimentos, á compra de medicamentos e un longo etcétera de actuacións en materia de atención á cidadanía”.

    Cómpre salientar que, entre as medidas adoptadas, a Deputación deu a opción de que a Liña 3 do Plan Concellos, –destinada inicialmente ao pago de débeda, gastos correntes, actividades culturais e deportivas–, “puidera ser modificada e que os concellos utilizasen estes recursos para atender a outras iniciativas que non estaban contempladas e que agora, nesta situación excepcional, si o están”.

    Na mesma liña de axudas á administración local, a Deputación prorrogou en case que un ano os prazos do plan DepoRemse, (unnha iniciativa de recuperación de espazos públicos para goce da cidadanía, eliminando vehículos e creando espazos de encontr). Esta prórroga “permite que os concellos poidan ter prazo suficiente para realizar os proxectos”.

    No encontro coa prensa, Carmela Silva destacou tamén o traballo que se estaba a realizar en materia de teleasistencia, que nestos momentos atende a máis de 700 persoas en toda a provincia, reforzando o servizo para as persoas que viven soas e que polo tanto son máis dependentes e que teñen con esta iniciativa, recalcou a presidenta da Deputación “unha atención diaria totalmente persoalizada”.

    No que a tributos atinxe, explicou Carmela Silva que no próximo Pleno “modificarase a ordenanza para que, tanto o empresariaco coma cidadanía poida facer fronte aos seus pagamentos tributarios de xeito fraccionado, case que cunha ‘petición á carta’, de xeito que poidan distribuír o pagamento dese tributo ou taxa ao longo de todo o ano como mellor lles veña porque estamos nunha situación moi complicada e temos que adoptar medidas que dean solución aos problemas”.

    Pemes, empresas e autónomos

    Dado que son tres sectores aos que a crise afecta directamente, a Deputación fixo unha instrucción interna para axilizar pagos a autónomos. Nese sentido, Carmela Silva fixo fincapé en que “pese a que xa eramos a administración provincial que antes pagaba de toda España, temos incluso reducido o número de días para pagar a provedores” o que é considerado pola presidenta como unha medida fundamental “para xerar liquidez ás empresas”. Nesa mesma liña de axuda aos sectores produtivos, deu conta Silva do adianto “das bases de subvencións para as confrarías de pesca e marisqueo e cooperativas agrogandeiras, preto de 500.000 euros para que poidan manter a súa actividade”.

    No eido do emprendemento, a presidenta provincial deu conta do éxito do primeiro coworking online en Barro “no que participan 20 emprendedores e emprendedoras, 11 mulleres e 9 homes”. Un éxito similar ten o programa SmartPeme “que neste tempo de crise medrou en consultar un 14 por cento” feito que, para Carmela Silva, ten a lectura clara que “neste tempo de crise as pemes, autónomos e emprendedores están traballando para que, cando remate esta situación, as súas empresas e proxectos estean preparados”.

    Novas tecnoloxías

    Especial atención dedicou Carmela Silva na rolda de prensa ás novas tecnoloxías, tanto no que atinxe ao funcionamento interno da deputación, como ao servizo que prestan á cidadanía e aos propios concellos. A presidenta da Deputación lembrou que a aposta do seu Goberno neste campo, dende que á administración provincial hai cinco anos, “permitiu implantar a administración electrónica que fai posible que, a día de hoxe, máis de 6.000 persoas, entre deputación e concellos, poidan estar teletraballando”.

    Esa aposta decidida polas novas tecnoloxías, fai posible que nunha situación excepcional como esta, tanto concellos como Deputación, poidan celebrar plenos e reunións de órganos colexiados de xeito telemático. “Hoxe –explicou Carmela Silva– fixemos a primeira Xunta de Goberno e as comisións informativa e, o venres, o faremos co Pleno”. Eso mesmo poden facer os concellos xa que dende a Deputación, engadiu, “ofrecémoslles a 52 concellos da provincia de Pontevedra a posibilidade de ter unha plataforma onde celebrar reunións de órganos colexiados de xeito telemático”. A día de hoxe teñense adherido 40 concellos que poden ter estas reunións grazas a esta plataforma ofertada gratuítamente pola deputación de pontevedra. “Lalín, por exemplo, ten hoxe venres o seu primeiro Pleno online e o concello de Mos vai poder facer tamén o seu pleno grazas á plataforma telemática gratuíta da Deputación”, apuntou.

    Turismo e cultura

    Carmela Silva asegurou o sector do turismo merece contar cun especial apoio por parte das administracións porque, dixo, “foron os primeiros en ter dificultades de carácter económico pero tamén van a ser os que teñan unha saída máis complexa e máis longa no tempo e polo tanto será preciso adiptar moitas medidas para prestarlle unha atención moi moi específica”.

    Nese sentido, a posta en marcha dun novo Plan Estratéxico de Turismo 21-23 que permitirá a restructuración do sector porque “vivimos nun paraíso natural”. Cando remate esta situación, afirmou con rotundidade Carmela Silva, “o turismo de proximidade vai ser a primeira resposta que teñamos que dar e nós podemos ofertar todo o que as persoas van desexar, van desexar natureza e actividades ligadas con esa natureza, van desexar un turismo de saúde no que nós somos unha grande potencia, van desexar espazos abertos que permitan ese distanciamento social e van precisar que a provincia de Pontevedra sexa un destino que garanta a seguridade e a saúde”.

    A importancia de Pontevedra como destino turístico reflíctese na resposta que tiveron diversas iniciativas online postas en marcha. O vídeo ‘Viaxa mañá’ –explicou Silva– “tivo máis de 50.000 vistualizaciónes, máis de 25.000 descargas e máis de 1.5 millóns de impresións” o que vén a indicar que “hay interés pola nosa provincia e estamos mellor posicionados que outros destinos”.

    No eido da Cultura, a Deputación desnvolveu numerosas iniciativas online tanto dende o Museo de Pontevedra coma dende a páxina web e as redes sociais da Deputación. Adiantou Carmela Silva que “imos facer un proxecto moi potente cara ao 23 de abril, día internacional do libro” e agradeceu a participación “dos nosos escritores e escritoras neste proxecto de posta en valor dos libros que, por certo, están sendo fundamentais neste confinamento. Os libros teñense convertido nos nosos amigos máis fieis”.

    A Deputación está, nese sentido, en contacto co mundo da cultura, cos organizadores dos festivais musicais e de cinema, coa xente do mundo do teatro “e estamos en contacto e apoiando as librerías que tiveron que pechar neste tempo e que son un negocio fundamental para unha sociedade avanzada” un contacto que se hace extensivo ao mundo do deporte para o que a Deputación ten xa as bases de financiamento en marcha “e tan pronto se levante o estado de confinamento faremoslle chegar estes recursos”.

    Igualdade

    Pese a situación de confinamento, a Deputación segue a ser punta de lanza na loita pola igualdade e contra a violencia de xénero. Así, Carmela Silva sinalou que a campaña ‘Fronte a Violencia de Xénero non estás soa’, permite que as mulleres saiban que ferramentas posúen se están a ser obxecto de violencia de xénero e, nese eido, faise tamén un seguimento a centros de asistencia a vítimas de violencia de xénero, adaptando todo o procedemento a un sistema electrónico. “Nos concellos de menos de 20.000 habitantes –explicou Silva– hay 69 mulleres que dispoñen dun dispositivo que só teñen que pulsalo en caso de emerxencia”.

    Quixo tamén a presidenta da Deputación de Pontevedra facer un chamamento “a non abandonar os animais de compañía” e non dubidou en asegurar que “unha sociedade avanzada non pode abandonar aos seus animais”. Neste período de confinamento un total 40 cans e cadelas foron rescatadas dende o centro de acollida CAAN. En todo caso e pese a esta situación, apuntou Carmela Silva, “o CAAN segue a facer ese traballo de recollida de animais abandonados” e amosou a súa esperanza de que “unha vez rematado o confinamento, poidamos voltar a esa proceso de adopcións que estaba tendo un crecemento exponencial”.

    Relacións con outras administracións

    A Deputación de Pontevedra, dende o inicio desta emerxencia sanitaria e o consiguiente estado de alarma, puxo a disposición do Goberno todo o material de protección, analítico e médico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro e da Finca Mouriscade “ademais de material e persoal da Escola de Enfermería da propia Deputación de Pontevedra”. Colaboramos tamén, dixo a presidenta provincial, “cos ministerios de exteriores e universidades para facilitar a repatriación dos 35 estudantes de FP que están en programas Erasmus e Practicum Depo. Dos 35 estudantes solicitaron volver só 6 que xa están na provincia, pero facemos un seguimento diario da xente que temos no exterior”.

    Finalmente, Carmela Sival referiuse ás relacións coa Xunta de Galicia lamentando que por parte do seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, aínda non houbera resposta á solicitude feita o 3 de abril “dunha xuntanza telemática entre a Xunta e as deputación galegas a fin de que se nos informe sobre as medidas que se van a tomar, coordinarnos e mirar o xeito en que nós podemos colaborar”.

    Os presidentes de Castela-León, Canarias, Baleares, Castela-A Mancha, Aragón, Valencia e Euskadi “si que fixeron unha reunión coas súas deputación, polo tanto eu pídolle ao presidente Núñez Feijóo esta xuntanza porque nestes tempos a información, a colaboración e a coordinación entre administracións é fundamental”.

    Por último a presidenta da Deputación deu conta tamén do envío, hoxe mesmo, dunha carta ao presidente da Xunta de Galicia sobre a axilización dos recursos para as persoas afectadas polos ERTE. Carmela Silva explicou que a Xunta de Galicia, “en lugar de poñer en marcha o que establecía o Real Decreto do Goberno de España que dicía que os ERTES tramitáranse en cinco días, a Xunta decidiu tramitalos en 10 que se converten en 15, xa que estamos a falar de días hábiles, o que está significando que haxa retrasos nos recursos ás persoas afectadas polos ERTES”. A presidenta da Deputación de Pontevedra, no seu escrito, sinala que tanto o sector de servizos como o turístico e as pemes “téñense dirixido á Deputación de Pontevedra denunciando que non están chegando recursos aos afectados polos ERTES”. A carta, polo tanto, pídelle ao presidente galego que “non se dupliquen os días de tramitación dos ERTES e que se cumpla o estipulado polo Goberno de España e se non existen os recursos materiais ou telemáticos necesarios, que se contraten porque a xente precisa recibir eses recursos”.

    Rematou Carmela Silva afirmando sentirse orgullosa “do meu equipo, tanto do meu gabinete como dos funcionarios e funcionarias da deputación de Pontevedra que están facendo un traballo extraordinario”. “Todo se está a facer en menos tempo do que antes se facía o que implica que hai moita xente traballando moitas máis horas das que teñen que estipuladas polo que teño que darlles as grazas públicamente”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.