8.1 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación pecha 2020 coa mobilización de 68 millóns de euros de...

    A Deputación pecha 2020 coa mobilización de 68 millóns de euros de investimento directo nos concellos a través dos plans provinciais

    Só o Plan Concellos financiou máis de 400 obras e 900 empregos, ao que se engaden os 26 millóns en dotacións do Plan de Reequilibrio e do Plan DepoRemse

    A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo balance en rolda de prensa “de 3 programas pensados para garantir servizos e dereitos nos concellos”: o Plan Concellos 2020, o Plan de Reequilibrio e o Plan DepoRemse, plans que mobilizaron ata 68 millóns de euros nos municipios da provincia. Estes dous últimos programas, que suman 26 millóns, están practicamente rematados e avanzando a bo ritmo.

    En canto ao Plan Concellos 2020, (pódese descargar un resumo nesta ligazón) dotado de 42,2 millóns de euros, “os 59 concellos presentaron 429 obras á liña 1” de investimentos. A presidenta resaltou que os datos “confirman a tendencia dos concellos a realizar obras de maior importe e máis grandes” e tamén que “os concellos xa acompasan as solicitudes ás novas necesidades, moitas delas relacionadas co plan de recuperación e resiliencia. Son moi conscientes de cales son as novas actuacións que hai que poñer en marcha para cumprir o novo paradigma”.

    En canto ás actuacións financiadas, Carmela Silva sinalou que “as obras de mellora de camiños son, como vén sucedendo dende o principio, o núcleo do Plan Concellos: un 28% sobre o total”. Ademais, “chama á atención o crecemento de obras en edificacións municipais: recibimos 48 solicitudes, por importe de 3,8 millóns converténdose no segundo apartado en importancia”. Pola outra banda, perden peso as solicitudes nas “obras de alumeado e eficiencia enerxética, xa que a través do Instituto de Desenvolvemento e Diversificación Enerxética (IDAE) se están recibindo moitos recursos da Unión Europea que a Deputación pon á súa disposición á marxe deste plan, co que a necesidade se ve cuberta a través doutros fondos”. Tamén salienta o progresivo incremento dos concellos en equipos informáticos, que alcanzou 13 solicitudes.

    A liña 2, dirixida a boa parte da actividade municipal nos concellos, está dedicada a achegas para actividades sociais, culturais e deportivas, pagos a provedores, tarefas de mantemento e reparación e amortizacións de débedas. “A amortización de débeda vai diminuíndo de xeito importantísimo, ata o punto de que este ano só houbo unha actuación neste senso”, asegurou a presidenta. “Isto quere dicir”, valorou, “que os concellos están saneados en gran parte porque durante os 4 anos anteriores puideron usar os recursos da Deputación para facer fronte ás necesidades”. Foron 109 subvencións para actividades sociais, culturais e deportivas, 31 para pagos a provedores, 23 para mantementos e reparacións e só 1 para amortización de débedas.

    Na liña 3 do Plan Concellos, “para a contratación de persoal co que facer fronte ás súas competencias”, a Deputación “proporcionou traballo a un total de 912 persoas durante 2020”. A presidenta lembrou que “a duración decídena os concellos porque, como sempre no Plan, son os que teñen a liberdade para decidir como empregan os recursos. O único que se esixe é que se respecten os salarios correspondentes á cualificación profesional, á duración e as condicións de xornada dos contratos, que están rexidas polos convenios”. Os 58 concellos –todos agás Valga, que non presentou solicitudes a esta liña– recibiron achegas para a contratación de 32 especialidades laborais, “o que demostra que é unha liña flexible na que cada concello solicita o que decide” e, como conclusión, salientou que “cada vez dedícanse máis recursos á prestación de servizos”.

    DepoRemse e Plan de Reequilibrio

    No Plan DepoRemse, pensado para actuacións de mellora da accesibilidade, urbanizacións, reurbanizacións, peonalizacións, proxectos para mellorar a seguridade viaria e iniciativas de mobilidade, “as obras están todas xa practicamente rematadas. Dos 31 proxectos rematáronse 19, 10 están en execución, 1 en fase de contratación (Cangas) e outra pendente de iniciar o expediente de contratación (Meaño)”.

    Fixéronse melloras da mobilidade e accesibilidade na Avenida Urbana de Sabarís en Baiona (290.000 €), o proxecto supramunicipal de Cangas e Moaña de interconexión dos seus centros urbanos (710.000 €), mellora da mobilidade nos accesos ao CEIP, residencia da terceira idade e centro de saúde de Crecente (450.000 €), mellora da accesibilidade do colexio Rosalía de Castro do Grove (380.000 €), mobilidade na rúa Vigo e Celta da Guarda (500.000 €), mellora na contorna do centro urbano de Mondariz (215.000 €), actuación na contorna dos centros de elevada atracción da Seara en Poio (500.000 €), mellora da mobilidade nas rúas do Castro e Infesta de Pontecesures (241.000 €), mellora da mobilidade na rúa Doantes de Sangue do Porriño (424.000 €), actuación na contorna do centro de saúde e de maiores de Silleda (450.000 €), mellora da mobilidade na praza do Seixo en Tomiño (500.000 €), proxecto na contorna do CEIP, gardería e polideportivo de Vila de Cruces (435.000 €) e mellora na contorna do recinto de Fexdega en Vilagarcía (310.000 €). En canto a proxectos de seguridade viaria destacandistintos lugares de Barro (70.000 €), na contorna do CPI da Cañiza (100.000 €), en vías de Catoira (435.000 €), en Covelo (86.000 €), na rúa Rosalía de Castro e contorna das Neves (328.000 €), nos accesos á gardería, colexio e pavillón de Ribadumia (168.000 €), en vías de Salvaterra de Miño (170.000 €) e no núcleo da Torre en Tui ( 425.000). DepoRemse dotou de reurbanizacións á rúa da Pedra en Bueu (350.000 €), na contorna da piscina e do centro deportivo de Ponteareas (máis de 420.000 €) e no antigo campo da feira da Devesa en Salceda (470.000 €). Houbo tamén peonalizacións en Campo Lameiro entre a Casa Consistorial e a Chanciña (350.000 €). Finalmente, acometéronse remodelacións: no polígono industrial de Cuntis (500.000 €), na Praza da Igrexa de Fornelos (450.000 €), na contorna do centro de saúde da Illa (450.000 €) e na contorna dos centros educativos de Dena en Meaño (270.000€)

    Por último, a presidenta da Deputación fixo un resumo das iniciativas postas en marcha cos fondos do Plan de Reequilibrio, “previsto para a realización de equipamentos culturais, infraestruturas deportivas ou tamén reformas urbanas”. A institución aprobou achegas “situadas entre os 120.000 e os 1,5 millóns de € cos que poder financiar “obras moi importantes que están a transformar os concellos da provincia”.

    Para equipamentos culturais puxéronse en marcha recursos para o Centro Torres do Oeste en Catoira (preto de 500.000 €), a Escola de Música de Caldas (800.000 €), o Auditorio do Grove (1,5 millóns), a biblioteca de Nigrán (1,5 millóns de €), a ampliación do Centro Cultural de Rubiós As Neves (400.000 €) e a rehabilitación do antigo mercado para convertelo nun edificio socio-cultural en Moraña (700.000 €). Para dotacións sociosanitarias, o Centro de estancia en Campo Lameiro (400.000 €). No apartado de infraestruturas deportivas recibiron achegas a piscina de Outeiro en Barro (300.000 €), a remodelación do club de piragüismo de Vilaboa (120.000 €), o polideportivo de Crecente (370.000 €), o ximnasio de Forcarei (312.000 €), a remodelación en Silleda do campo da Gandareira (700.000 €), o módulo de atletismo do Porriño (800.000 €), o ximnasio e pista de pádel de Fornelos (550.000 €), os campos municipais de fútbol da Lagoa en Mondariz (420.000 €), a piscina de Bueu (1,5 millóns de €), a remodelación do campo de fútbol de Arcade en Soutomaior (280.000 €) e a mellora do pavillón polideportivo e ximnasio de Rodeiro (350.000 €). Por último, no apartado de humanizacións e reformas urbanas, financiáronse a humanización da Praza de España de Ponte Caldelas (300.000 €), a rehabilitación das vivendas modernistas da Illa (1,5 millóns de €), a urbanización do parque central da Cañiza (00.000 €), a humanización da praza de Barciademera en Covelo (300.000 €), a reforma da praza de España do Mosteiro en Meis (240.000 €), a reforma da praza da Paradela de Gondomar (640.000 €) e a recuperación do espazo público de Pontecesures cara á ría (360.000 €).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.