8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación levará ao apalpador a 45 concellos da provincia este Nadal

    A Deputación levará ao apalpador a 45 concellos da provincia este Nadal

    A Deputación de Pontevedra vai levar este ano o Apalpador, a tradicional figura propia do Nadal galego, a todos os concellos da provincia que o solicitaron, un total de 45. Así o decidiu a deputada responsable de Lingua, María Ortega, ante o grande interese amosado polos gobernos locais unha vez pechado o pasado sábado  o prazo de solicitude.

    A nacionalista explica que inicialmente estaba previsto conceder 30 actuacións, sen embargo esa cifra cubriuse de maneira case inminente coa apertura do prazo, polo que se tomou a decisión de facer un esforzo económico e chegar a todas as vilas interesadas. O cambio fai que este ano se dupliquen as actuacións realizadas en 2020, cando houbera que limitar as visitas por motivo das restricións da COVID-19 e se cambiara o formato dunha posta en escena estática en lugares concretos a desfiles para non fomentar aglomeracións de persoas.

    Segundo apunta Ortega, este ano manteranse de maneira estrita todas as medidas de prevención ante a pandemia, pero intentarase que a actividade ao abeiro do programa ‘Nadal en galego’ do departamento de Lingua se multiplique para levar a ledicia ás nenas e nenos da provincia logo dun tempo de moita contención festiva.

    O persoal técnico da Deputación está agora cadrando as visitas para que o Apalpador, xunto ao seu compañeiro acordeonista, Servando Barreiro, e o seu burro Río Lor, poida achegarse a varios concellos próximos xeograficamente na mesma xornada. A previsión é que se celebren dúas actuacións en horario de mañá e dúas en horario de tarde cada día entre o 20 de decembro e o 4 de xaneiro. As datas de cada localidade comunicaranse en breve.

    Como cada ano, e por sétima vez consecutiva, a dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente e os hábitos de alimentación saudable, entre outros, serán os valores que se fomentarán coas actuacións, levando a música, o baile e as anécdotas a todas as comarcas.

    O programa ‘Nadal en Galego’ foi deseñado tamén para fomentar o coñecemento da tradición de Nadal propia da Galiza e para que as e os máis novos poidan familiarizarse co mítica figura galega e coñecer a súa historia. Na orixe, ‘O Apalpador’ representábase como un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas a noite do 24 ou o 31 de decembro para tocar o bandullo das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas e desexos de ledicia e comida.

    Están concedidas as actuacións a: Marín, Bueu, Cangas e Moaña no Morrazo; O Grove, Cambados, A Illa, Vilagarcía, Meis, Meaño, e Sanxenxo no Salnés; Pontecesures, Portas, Cuntis, Catoira, e Valga na comarca de Caldas; Dozón, Agolada, A Estrada, Forcarei, Silleda e Vila de Cruces no Deza-Tabeirós; Salceda de Caselas, O Porriño, Pazos de Borbén, e Fornelos de Montes na área de Vigo; Poio, Barro, A Lama, Campolameiro, Cerdedo-Cotobade na comarca de Pontevedra; Oia, Gondomar, Nigrán e Baiona no Val Miñor; A Cañiza, Covelo, Salvaterra de Miño, As Neves, Ponteareas, Mondariz , Mondariz- Balneario no Condado-Paradanta; e A Guarda, Tomiño, e Tui no Baixo Miño.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.