Luns, 13 Xaneiro de 2025

A Deputación lanza «Conectadas» con máis de 30 accións formativas gratuítas para entidades que promoven a igualdade

205 asociacións, federacións e fundacións da provincia solicitaron xa os cursos do programa no que desde 2016 participaron preto de 20.000 mulleres

A Deputación de Pontevedra arranca unha nova edición do programa ‘Conectadas’ despois de dous anos de parón pola pandemia. Deste xeito, a Xunta de Goberno aprobará este venres o expediente para contratar a xestión desta iniciativa, que ofrece ás asociacións, federacións e fundacións que teñen por obxectivo a igualdade un total de 30 accións formativas gratuítas, cun orzamento de preto de 324 000 euros. Este programa provincial, no que desde o ano 2016 teñen participado preto de 20 000 mulleres, ten como obxectivo a promoción das mulleres e o apoio ao seu desenvolvemento e empoderamento.

205 colectivos da provincia xa solicitaron algunha das 30 accións formativas que ofrece esta nova edición de ‘Conectadas’, que terán unha duración de 35 horas e incluirán un módulo obrigatorio de sensibilización na Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Todas elas están dirixidas a mellorar a formación básica das mulleres, favorecer o intercambio de experiencias e contribuír a mellorar a súa empregabilidade e están integradas en cinco bloques temáticos: Emprende: iniciativas sostibles para o emprego, ExpresARTE, Conéctate, Sementa sostibilidade e O teu momento. Coidado e benestar. Deste xeito, no marco de Emprende: iniciativas sostibles para o emprego inclúense iniciativas de formación como Crear a túa empresa. Deseño dun plan de negocio, Administradoras de redes sociais, Comercio electrónico, Asesoría laboral e fiscal, Marcando o teu rumbo. Empoderamento e liderado e Actívate na busca de emprego.

Por outra banda, ‘ExpresARTE’ oferta cursos de Pintura, Teatro, Animación á lectura, narración e poesía, Iniciación ao patchwork, Iniciación ao scrapbooking e Artesanía en Coiro. No que respecta a ‘Conéctate’ preséntanse acción formativas que van dende Alfabetización Dixital I e II ata Socializándose coas Redes e Administración Electrónica. En canto a ‘Sementa Sostibildiade’ inclúense iniciativas como Poda e tarefas de campo desde a sostibilidade, Xardinería e Horta Ecolóxica. E no marco de ‘O teu momento. Coidado e benstar’ as participantes poden escoller entre Ioga, Pilates, Taichí, Ximnasia hipopresiva, Sendeirismo, Menopausa de forma saudable, Coidar coidándonos, Relaxación e manexo do estrés: momentos en calma, Musicoterapia, Risoterapia e Obradoiro de mindfulness.