23 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación lanza a “Ruta da Ciencia Areeiro”

    A Deputación lanza a “Ruta da Ciencia Areeiro”

    As visitas realizaranse ata o mes de xaneiro de xeito gratuíto e están destinados tanto a o público en xeral como a profesionais do eido científico

    A Deputación de Pontevedra lanzou onte a “Ruta da Ciencia Areeiro”, un proxecto piloto de turismo científico que ten como obxectivo achegar os valores medioambientais e científicos á cidadanía así como poñer en valor o patrimonio vexetal existente na Estación Fitopatolóxica de Areeiro. A presidenta provincial, Carmela Silva, supervisou o percorrido que terán estas visitas guiadas coas que ademais a EFA logra o selo OBSERVER de turismo científico, un certificado que tamén ten o Castelo de Soutomaior.

    “Con este selo xa somos unha provincia de ciencia certificada e a finca do Areeiro vai ter moitísima presencia e recoñecemento”. Deste xeito, o título vai a permitir algo “fundamental” como é “dar a coñecer a EFA moito máis e facelo cara o público xeral para que a sociedade tome conciencia da importancia de manter a biodiversidade”. Neste senso a presidenta puxo o aceno na relevancia de que “pasen moitas familias, moitas nenas e nenos que esperten o amor polo coñecemento vinculado á natureza así como pola súa preservación”. Ademais do público xeral, tamén poderán realizar os percorridos persoal do eido científico, para quen se realizará un itinerario máis específico.

    Na súa visita á Estación Carmela Silva puxo en valor o traballo que se realiza no centro, que é “unha gran referencia nacional e internacional”, e destacou que ao longo da súa historia converteuse en “imprescindible para o sector privado”, amais de facer fincapé na “importancia da ciencia e a investigación e de recuperar o amor pola natureza, por coidala, e que todo isto se faga dende o coñecemento científico”.  

    Estarán conducidas por un ou unha guía que amosará ás persoas asistentes os distintos lugares da Estación como o Xardín Pedro Mansilla, o Insectario ou o xardín das aromáticas.  Deste xeito, a “Ruta da Ciencia Areeiro” versará sobre a investigación botánica en Galicia, a camelia -unha flor que ten usos alén do ornamental como a extracción de aceite das súas sementes- ou a relación entre a tecnoloxía e os cultivos de árbores froiteiras. Tamén se falará das plantacións de té -a segunda bebida máis consumida do mundo despois da auga-, as feixoas, os fentos ou as plantas aromáticas, coas que se fará unha pequena actividade na horta.

    As mulleres na ciencia

    Na súa visita á Estación Carmela Silva fixo un recoñecemento ás mulleres que traballan no eido científico. Deixou claro que “as mulleres somos as garantes da vida, non soamente nos dedicamos a coidar aos nenos e nenas e ás persoas maiores ou dependentes senón que tamén nos dedicamos a coidar do planeta”. Ademais, lembrou a presidenta, “nas carreiras que teñen que ver coa bioloxía ou o medio ambiente matricúlanse maioritariamente mulleres porque a nós preocúpanos todo o que ten que ver coa diversidade”. Carmela Silva fixo tamén un recoñecemento especial a Carmen Salinero, xefa do servizo da EFA e “nai das camelias en Galicia e en toda España”, e lembrou que na primavera plantarase unha camelia co seu nome no Xardín do Castelo de Soutomior. “Será unha homenaxe a Carmen e a todas vós -referíndose ás traballadoras da Estación presentes no acto- porque o voso traballo é imprescindible, moito máis que outros, tal e como nos amosou a Covid-19”. 

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.