Sábado, 8 Febreiro de 2025

A Deputación inicia unha completa programación do 8M “para estender a igualdade”

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou esta mañá a completa programación impulsada pola institución ao abeiro do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, que arranca xa na provincia de Pontevedra. Neste eido Silva destacou que “o 8 de marzo non pode rematar o 8 de marzo e por iso nós impulsamos unha programación que estende a igualdade todo o ano”.

Máis polo miúdo, a presidenta recordou que mañá venres, as 10.30 horas, despregarase no Pazo provincial e na sede de Vigo, unha pancarta animando á participación na folga feminista de 24 horas. “Aínda hai sindicatos que seguen sen indicar que falamos dunha folga de 24 horas de mulleres, non dunha folga xeral, e que os homes se teñen que quedar ao cargo dos coidados”, destacou Silva. A presidenta informou que “tanto eu como as mulleres deste goberno e do gabinete participaremos na folga. Ese día leremos ás 11.00 un manifesto na escalinata do Pazo para poder participar, a continuación, nas mobilizacións previstas”. Tamén aproveitou Silva para animar ás traballadoras da Deputación a sumarse á folga.

Este ano, no marco da programación con motivo do 8 de marzo e como novidade, impulsaranse tres “grandes eventos de Igualdade, moi impactantes, que serán os actos centrais da programación: “Ramonas on Tour” e as xornadas “Muller e poder” e “As mulleres crean”. Sobre “Ramonas on Tour” Carmela Silva adiantou que se desenvolverá o 15 de marzo en Vigo e o 22 de marzo en Pontevedra pero que “estenderemos por toda a provincia ao longo do ano. Trátase dunha actividade potentísima, musical, didáctica e social co fin de sensibilizar e por en valor o protagonismo da muller no avance das sociedades”. En concreto, a presidenta asegurou que se trata dunha xornada de actividades durante a cal se desenvolverán dúas actuacións musicais (para o público infantil pola mañá e para o público xeral pola noite) a cargo da banda de rock “Ramonas on tour”, obradoiros infantís, unha exposición e charlas e conferencias.

Pola súa banda as xornadas “Muller e poder” e “As mulleres crean” terán lugar na sede da Escola de Igualdade María Vinyals, no Castelo de Soutomaior. A primeira delas o 3 de abril e traerá ata Soutomaior a mulleres de ámbitos como a ciencia, tecnoloxía, a cultura, a empresa, o deporte, medios de comunicación e política que aportarán as súas experiencias. En canto a “As mulleres crean”, terá lugar en maio e trátase dunha xornada na que se afondará no papel da muller no eido da literatura, cultura e arte. Para elo a Deputación contará coa presenza de escritoras galegas que lerán parte das súas obras, música con grupos femininos, performance en directo e cunha artista relacionada coa arte urbana que realizará un grande mural en directo.

Xunto a estes tres actos, a presidenta informou que a programación con motivo do 8 de marzo estenderase dende hoxe mesmo, co peche en Bueu da xira de presentación do libro “Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo”. Mañá ás 11.00 tanto Carmela Silva como o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, darán o pistoletazo de saída á segunda edición do encontro de mulleres columnistas “As mulleres que opinan son perigosas”. Neste eido, a presidenta quixo facer un recoñecemento público ás xornalistas Susana Pedreira e Diana López, por “esta grande idea que o ano pasado acadou 21 millóns de chíos”, e á concelleira de igualdade de Pontevedra Carmen Fouces.

Tamén mañá en Cangas e o 21 de marzo en Vigo terán lugar as inauguracións da exposición “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” que contará con novos materiais. O 7 de marzo a programación da Deputación de Pontevedra continuará coa inauguración na Guarda da exposición “Rompe. Xoga en igualdade”. Pola súa banda “Mulleres en acción. Violencia Zero” levará ata Barro e Vilagarcía de Arousa, os días 11 e 26 de marzo, dúas accións protagonizadas por Teresa Búa e Luz Darriba. Amais o 12 de marzo presentarase en Vilagarcía o libro “María Vinyals. Un talento rebelde” e o 22 chegará a Vigo a mostra “Sorrisos transformadores”.

Silva aproveitou a ocasión para recordar que este ano a ONU celebra o Día Internacional da Muller baixo o lema “Pensemos en igualdade, construamos con intelixencia, innovemos para o cambio”. Concretamente a ONU aposta pola innovación para empoderar ás mulleres, especialmente en canto aos sistemas de protección social, acceso aos servizos públicos e á infraestrutura sostible, atendendo aos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible). Silva explicou que, “segundo datos da propia ONU, se se manteñen as tendencias actuais, as actuacións que se están a desenvolver no eido da igualdade non serán suficientes para conseguir un planeta 50-50 no 2030, por iso nós temos que facer todo o posible por acadalo”.

A presidenta da Deputación incidiu na importancia de romper coa fenda dixital e a pouca presenza das mulleres nas carreiras STEM, “onde non chegamos ao 25% da matrícula. Preocúpame que os últimos estudos poñan de manifesto que soamente o 15% das menores de 15 anos quere estudar carreiras STEM e por iso hai que traballar moito para visibilizar estas cuestións, para que as mozas opten polo mundo dixital, para que as mulleres non sexan persoas desaparecidas no futuro”. En relación a esta cuestión, Silva adiantou que estamos desenvolvendo conxuntamente coa Universidade de Vigo unha proposta moi potente que presentarei proximamente co vicerreitor.