A Deputación de Pontevedra volve a ser referencia en materia de igualdade ao converterse na primeira de Galicia e unha das primeiras de España en contar con salas de lactación. A deputada provincial de Igualdade, Victoria Alonso, e o deputado de Facenda, Carlos López Font, visitaron hoxe estes dous novos espazos habilitados pola institución nas entreplantas do Pazo Provincial e o Edificio Administrativo, así como tamén as dúas salas de comedor que xa están a disposición das persoas traballadoras da institución nos citados edificios.
A deputada de Igualdade, Victoria Alonso, aludiu ao carácter pioneiro desta nova medida acadada pola Deputación coa dotación de espazos de lactación, pensados especialmente para que as mulleres poidan sacarse o leite e facilitar así o período de lactación na súa reincorporación laboral. A Deputación dá así cumprimento á previsión do Plan de Igualdade vixente no senso de “ofrecer diferentes opcións que permitan unha mellor compatibilización da vida laboral e persoal”. A partir de agora, as mulleres que traballan na Deputación, e tamén as que asistan a reunións, cursos ou actos, poderán amais de sacarse o leito, dar o peito ou o biberón ás súas crianzas se o precisan. Como destacou Alonso, “isto é algo que en moitas Administracións non se ten en conta”. Con esta medida de saúde e conciliación, engadiu, “a Deputación dá un paso máis na dirección da inclusión”.
As dúas salas, que xa poden ser utilizadas, están equipadas con sofá, un refrixerador, un microondas, lavabo e un cambiador, amais das correspondentes dotacións para hixiene e protección contra a Covid-19. Están pensadas, como subliñou Victoria Alonso, “como un espazo amplo para que as traballadoras que teñan que usalas se sintan cómodas á hora de sacarse o leite, e non teñan como ata agora que ir ao baño para facelo. Tamén por exemplo as traballadoras doutros concellos que ás veces por cursos pasan moitas horas aquí. Era bastante incómodo cubrir esta necesidade en espazos onde non se senten elas mesmas”.

O goberno provincial dispón dun exhaustivo protocolo para o emprego das salas, que no caso das traballadoras da institución deberán reservar no Servizo de Prevención de Riscos Laborais. Estableceranse quendas para o seu uso, extremando as medidas de hixiene. Así, a sala poderá ser usada en cada quenda por unha nai (non se permiten acompañantes nin tampouco o ingreso ou consumo de alimentos no espazo) e será obrigatorio desinfectar as mans e usar luvas durante todo o uso. As nais poden traer o seu propio extractor de leite, biberón, neveira ou termo para extraer, almacenar e transportar o seu leite materno. E poden tamén usar o refrixerador da sala mentres dura a súa xornada de traballo e conservar nel a leite durante un máximo de dous días. Despois de cada uso, a sala debe deixarse limpa e ordenada.
Doutra banda, a deputada e o deputado tamén visitaron as dúas novas salas de comedor que están xa a disposición das persoas traballadoras da institución tanto no Pazo Provincial como no Edificio Administrativo. Neste caso, o protocolo de utilización prevé que só pode ser usado por dúas persoas ao mesmo tempo, que deberán respectar a distancia de seguridade de dous metros e traer os seus propios alimentos totalmente preparados, a bebida e a louza que precisen. Garántese tamén o acceso as dotacións para a hixiene e protección. Cada persoa encargarase da limpeza da súa louza e de limpar e desinfectar a zona da mesa e cadeira antes e despois do seu uso.
Pontevedra, 21 de agosto de 2020
Saúdos
Gabinete de Prensa