Mércores, 6 Novembro de 2024

A Deputación aproba unha achega de máis de 200.000 euros para Ponteareas e Cuntis

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra pecha o ano aprobando máis obras do Plan Concellos 2020, que contou neste exercizo cun orzamento global de 42,2 millóns de euros. Desta volta deuse o visto bo a recursos por máis de 200.000 euros para os concellos de Cuntis e Ponteareas. Ponteareas obterá preto de 142.500 euros para a mellora da pavimentación no lugar de Chan da Gándara e labores de conservación e mantemento do cámping ‘A Freixa’, mentres que Cuntis recibirá 66.800 euros que permitirán o acondicionamento do camiño de acceso e do interior do núcleo rural de Fontecova.

O Concello de Ponteareas pavimentará o lugar de Chan da Gándara, na parroquia de Padróns, grazas a unha achega provincial de 72.000 euros. A finalidade desta subvención é mellorar o servizo ofrecido aos usuarios e usuarias nun tramo que supera os 1,2 quilómetros. Tamén se prevé a ampliación da plataforma en varias zonas para homoxeneizar os viarios.

Por outra banda, a Xunta de Goberno tamén aprobou para Ponteareas unha partida de 70.500 euros para as labores de conservación e mantemento do cámping municipal ‘A Freixa”’, ás beiras do río Tea. Neste marco, levaranse a cabo obras de acondicionamento interior, de mantemento dos acabados exteriores e o cambio de puntos de enganches á rede eléctrica e de auga.

A obra a realizar en Cuntis consistirá no pavimentado do firme do camiño así como a colocación de bandas redutoras de velocidade para aumentar a seguridade no viario. Ademais, procederase ao pintado do mesmo e á inclusión de sinalización horizontal. Como complemento, instalaranse novas canalizacións pluviais e acondicionaranse as contornas de dous elementos de valor etnográfico e cultural: unha fonte e un lavadoiro.