20 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación aproba o maior orzamento da súa historia para 2022

    A Deputación aproba o maior orzamento da súa historia para 2022

    As contas para 2022 ascenden a 175,8 millóns de euros, un 7% máis que en 2021, e garanten un volume récord de transferencias aos concellos con 122 millóns de euros

    A Deputación de Pontevedra aprobou inicialmente os seus orzamentos para 2022, que alcanzan os 175,8 millóns de euros (un 6,86% máis que o anterior), durante o pleno extraordinario celebrado esta semana. As contas foron cualificadas de “ambiciosas, expansivas, valentes e transformadoras”, e tamén de “temperás” por ter saído adiante  na primeira quincena do mes de novembro co obxectivo político de fortalecer a alianza cos concellos cara á recuperación socioeconómica da provincia. Os votos do goberno provincial (PSdeG-PSOE e BNG) sacaron adiante o documento coa abstención do Partido Popular.

    O orzamento consolidado sube ata os 179,5 millóns (sumando a Escola de Enfermería e os Consorcios  Provinciais Contra Incendios e do Deza-Tabeirós). Non obstante, o deputado de Economía e Facenda, Carlos Font, anticipou que a Deputación chegará a mobilizar máis de 243 millóns ao longo do ano próximo, tendo en conta os remanentes de Tesourería que se incorporarán no primeiro trimestre, as obras de Infraestruturas xa comprometidas nesta recta final do ano, a rehabilitación da Xunqueira de Alba, o proxecto de dixitalización e rehabilitación enerxética do Pazo Provincial, a mellora enerxética do CEIP Daría González, a cuberta da Escola de Cantería e as melloras no Museo, ademais dos 17 millóns xa comprometidos de fondos europeos. “Todo elo, para que a Deputación sexa o motor institucional da recuperación socioeconómica da provincia”, recalcou.

    122 millóns directos aos concellos

    Font definiu a negativa do Partido Popular a apoiar os Orzamentos como “esperpéntica” e espetoulles que “mentres os seus alcaldes e alcaldesas aplauden á Deputación, o grupo provincial é incapaz de votar a favor”. “Chegan a un punto de non defender aos concellos”. O deputado recalcou que, precisamente, o mellor destes orzamentos é o apoio aos concellos da provincia, e moi especialmente aos máis pequenos, que son os que maior investimento por habitante reciben. Cifrou este apoio en 122 millóns de euros que saen dos 73,5 millóns de euros do Plan Concellos bianual (2022-23), os 22 millóns dos programas de cooperación dos diferentes servizos e os máis de 26 millóns das subvencións a través do ReacPon, o plan extraordinario para financiar grandes proxectos de reactivación. ”E todo isto sen dedocracia, sen un só euro de libre disposición e cun claro concepto de reequilibrio para corrixir o desequilibrio que o Partido Popular xerou en 40 anos gobernando esta Deputación”. “A Deputación é a mellor socia institucional dos concellos”, dixo acompañándose cunha gráfica do Ministerio de Facenda que cifra as transferencias aos municipios nun 31,71% mentres a media estatal está nun 17,8%. “E máis que fariamos, engadiu, cos 20 millóns que nos quedarían en caixa se a Xunta asumira as súas competencias no Príncipe Felipe, ou non nos obrigara a financiar programas autonómicos, como os Grupos de Emerxencias Supramunicipais”.

    A “bipolaridade do PP”

    Pola súa banda, o vicepresidente, César Mosquera, subliñou que hoxe é “un gran día para esta casa, pero sobre todo para os concellos da provincia, porque  se non os aprobaramos sería para eles un trastorno severo”. Ademais, non dubidou en criticar a “bipolaridade do PP”, ao que acusou de votar en contra antes de decidir o porqué. Mesmo manifestou o seu asombro polo feito de que os conservadores critiquen o incremento do gasto en persoal cando é produto do paso á xestión directa no Consorcio Provincial de Bombeiros/as.

    Durante o debate tamén se subliñou o esforzo realizado dende 2016 para reducir a débeda de 41 millóns de euros, herdada do Partido Popular, ata eliminala completamente con estas contas. A saúde financeira da Deputación permite o esforzo adicional que supuxo incrementar a dotación inicial de 20 millóns de euros do ReacPon ata os 26 millóns de euros “co obxectivo de non deixar fóra a ningún concello que cumprira as bases”. Isto serviu a Font para lembrarlle ao voceiro do PP, Jorge Cubela, que tiña afirmado nunha intervención plenaria anterior que si se presentaban “10 ou 15 concellos ao ReacPon felicitareinos”. “Pois ben”, respondeu hoxe Font, “foron 55, así que, polas miñas contas, sáeme que nos debe cinco felicitacións”.

    O Plan Concellos, que pasa a ser bianual, é a espiña dorsal destes orzamentos. Destinará obxectivamente aos municipios 73, 5 millóns de euros (43 millóns do Plan 2022 e outros 30,5 millóns da Liña 1 de investimentos do Plan do 2023). Isto supón un incremento sen precedentes dun 72,94% nun programa que financia máis de 500 obras anuais e fai posible a contratación temporal dun milleiro de persoas desempregadas.

    O Plan Estratéxico de Fondos Europeos será outra das ferramentas para consolidar a recuperación. Se no 2021 a Deputación chegou a mobilizar ata 42 millóns de euros en 41 proxectos, o Goberno xa ten comprometidos para 2022 outros 17 millóns de euros. Están definidos os eixos de actuación na transición verde, a dixitalización, o reto demográfico e a igualdade.

    O orzamento da política social crece máis dun 7% ata os 18,2 millóns de euros e o 2022, unha vez encamiñada a pandemia, traerá de novo os valorados programas de participación como DepoTermal, En Ruta coa Depo, Depo en Marcha ou os Campamentos da Lanzada. Suben tamén as axudas de emerxencia para os concellos, ás que se une o salto de calidade da teleasistencia. Haberá nova xestión na Escola Infantil do Príncipe Felipe que crece como centro de referencia, e novas accións coa mocidade máis vulnerable.

    A sustentabilidade impregna todas ás áreas de goberno. O orzamento para as políticas de recuperación sostible aumenta un 9,3% ata os 38,8 millóns de euros para as infraestruturas provinciais, a mobilidade coa Red Ágora, a política de residuos con Revitaliza, a reacción nos viveiros de Barro e Lalín, o apoio ao sector primario, as novidades do laboratorio no centro de investigación gandeira de Mouriscade, o I+D+i en Areeiro, a promoción do emprego e o apoio á economía verde.

    A igualdade volve a ser un dos sinais de identidade da Deputación de Pontevedra. Serán 1,8 millóns de euros, cun crecemento do 28,57%, e máis proxectos en todo o territorio, accións de corresponsabilidade fronte á conciliación, novos proxectos coa Universidade como a Cátedra de Feminismos e impulso da Escola María Vinyals, referencia estatal e internacional.

    Destinaranse 21,8 millóns de euros á reactivación cultural, turística e deportiva da provincia, un 3,81% máis que en 2021. Desde o apoio á creación cultural, a mellora do Museo de Pontevedra, a Escola de Letras, os Rías Baixas Fest e os Film Fest, a dinamización da lingua, o turismo intelixente, os grandes eventos deportivos co impulso ás mulleres , ou a recuperación do patrimonio, sen esquecer a Memoria Histórica, cun orzamento de 0,56 millóns de euros.

    Finalmente, a modernización da administración provincial volverá a ser unha constante. Son 30 millóns de euros, un incremento dun 5,63% para unha xestión eficiente e transparente, un novo impulso da dixitalización, o Teletraballo, e a administración electrónica 100%, amais da mellora das instalacións e novas ofertas de emprego para unha maior cualificación do persoal.

    Por outra banda, o pleno aprobou o novo Plan de Estabilización de Emprego Temporal da Deputación, que continúa a senda emprendida no ano 2018 polo goberno para a consolidación das condicións laborais de todo o persoal. O deputado Carlos Font explicou que afecta a 28 postos de traballo repartidos entre 12 postos de funcionario/a xa existentes e que agora ocupa persoal interino; a creación de 14 novas prazas de funcionario/a, que agora desempeña persoal temporal e, finalmente, 2 prazas de persoal laboral, que actualmente están ocupadas por persoal laboral temporal. Font recalcou que este segundo Plan de Estabilización non contempla ningún incremento de gasto, é produto do acordo alcanzado cos sindicatos e, finalmente, supón un paso máis “cara unha Administración máis eficiente e transparente”. O asunto tamén foi aprobado cos votos do PSdeG-PSOE e o BNG e a abstención do PP.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.