11.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación activa o Comité de Seguimento do Coronavirus e suspende os...

    A Deputación activa o Comité de Seguimento do Coronavirus e suspende os “eventos de carácter masivo” previstos para marzo

    As medidas van destinadas á protección das traballadoras e traballadores do ente provincial e da cidadanía a quen se aconsella evitar as consultas presenciais

    A Deputación de Pontevedra activou hoxe desde presidencia o Comité de Seguimento pola crise do Coronavirus que avaliará diariamente as medidas que, baixo o principio de prudencia, o goberno provincial xa ten posto en marcha e das que este mesmo mércores informou directamente á toda a corporación provincial e aos sindicatos.

    A presidenta Carmela Silva asinou unha resolución presidencial para a creación do Comité, e para activar un protocolo e un amplo programa de medidas que xa se implantou desde o pasado día 9 de marzo cara á protección das traballadoras e traballadores da institución así como de prevención para a cidadanía. Asimismo, o Goberno provincial decidiu hoxe o aprazamento de eventos e actividades, así como de participación en diferentes programas provinciais co fin de evitar situacións de risco de contaxio. En principio as cancelacións afectarán a todos aqueles actos de carácter masivo previstos para este mes de marzo, aínda que non se descartan novas medidas en función da evolución da crise. Respecto ao público en xeral, a Deputación de Pontevedra aconsella á cidadanía que evite as consultas presenciais nas sedes e dependencias da institución, e que utilice as canles informáticos e telefónicos para calquera consulta, unha recomendación que se está a facer ao través da web da institución e das súas redes sociais.

    Amais, caso que a administración autonómica ou estatal tome algunha nova decisión respecto ao peche de centros educativos ou de maiores, a Deputación de Pontevedra estudiará medidas que permitan a flexibilidade horaria das traballadoras e traballadores que dea resposta ás súas necesidades

    Entre as primeiras decisións destinadas ao persoal da Deputación de Pontevedra remitiuse desde fai unha semana toda a información oficial de sintomatoloxía, información e medidas de prevención individual para evitar o contaxio do coronavirus. Do mesmo xeito, colocáronse paneis explicativos nos servizos de aseo da institución coa normativa de hixiene para o lavado das mans, información que se está a trasladar tamén aos concellos da provincia. Estanse a instalar dispensadores de hidroxel en centros e dependencias de atención ao público da Deputación, dispensadores igualmente situados na zona de fichaxes de traballadoras e traballadores. Será obrigatoria a súa utilización despois da impresión dixital de entrada e saída das dependencias provinciais. Igualmente, cara ao persoal da institución provincial, serán canceladas todas aquelas reunións, cursos e actividades de grupos de carácter masivo, e os desprazamentos e viaxes que non sexan de estrita necesidade. Amais, os servizos de limpeza das sedes de Pontevedra e Vigo están a realizar desde onte a desinfección diaria do material, mobiliario e instrumental.

    Mención aparte merece a atención no Centro Príncipe Felipe onde un comité específico está a avaliar diariamente as medidas e o seguimento da crise. Ata o momento os e as educadoras están a remitir aos menores que extremen as medidas de hixiene; o persoal médico ten a indicación de adquirir o material necesario para atender calquera incidencia; e xa está designada unha zona de illamento por se chegara unha situación de contaxio. Tamén se remitiu unha carta á Dirección Xeral de Política Social solicitando información sobre medidas a implementar nos centros de menores.

    En canto aos cursos e probas selectivas, manteranse aquelas que non sexan de carácter masivo, (por enriba de 10 persoas) coas necesarias medidas de separación. Así mesmo, no caso da Liña 3 de emprego do Plan Concellos, remitirase aos municipios que as probas de selección se fagan de xeito o máis individualizado posible, nas mesmas condicións que fai o ente provincial.

    Nos programas sociais, sobre todo os destinados ás persoas maiores, a Deputación xa decidiu pospor as actividades lúdicas do programa de teleasistencia na provincia. Amais, os programas Depo en Marcha e En Ruta coa Depo en principio non deberían verse afectados xa que o seu inicio está previsto para próximos meses, aínda que se especifica que todo decidirase en función da evolución do coronavirus. O programa Depotermal si que se verá modificado, xa que as primeiras quendas estaban previstas para a primavera. A intención es aprazar todas as saídas ao segundo semestre do ano.

    Respecto aos actos, o goberno provincial decidiu hoxe a cancelación de todos os eventos de carácter masivo previstos para este mes de marzo, que serán aprazados a datas posteriores en función da evolución da crise na nosa comunidade. Entre os eventos cancelados están a Gala de Turismo, prevista para o 25 de marzo que será aprazada en principio ao mes de maio, ou a Xornada sobre a Axenda 2030 no Ámbito Local que, organizada coa Fundación Democracia e Gobierno Local, estaba programada para mañá xoves na sede da Deputación en Vigo.

    Da mesma forma, cancélase a Xornada sobre Tic Emprendes, prevista para este vindeiro venres; a presentación dos proxectos de DepoEmprende na FP; a presentación do libro de María Vinyals; as xornadas de sensibilización do SICTED; e estudiaranse medidas para separar os grupos do próximo Coworking no Viveiro de Barro.

    Respecto á situación dos e das 15 estudantes Erasmus que están en Italia, a Deputación está en contacto diario con eles e elas para trasladarlles as instrucións do SEPIE. Ata o momento só 2 alumnos solicitaron o seu regreso, pero de momento as autoridades italianas e as medidas adoptadas onte en España impiden a súa saída. Amais, seguindo as recomendacións di SEPIE, a Deputación pospón as próximas mobilidades do programa.

    Polo demais, os Castelos de Soutomaior e Sobroso seguirán de momento abertos ao público, aínda que se seguirá diariamente a evolución da crise para tomar calquera decisión. De momento, a Deputación xa está a revisar todos os grupos programados para evitar que coincidan, e se están a extremar as medidas de hixiene.

    En canto ás actividades deportivas a súa realización estará condicionada ás decisións das Federacións deportivas na provincia que, no caso do fútbol, si afectarán aos partidos da Copa Deputación, previstos para os próximos 15 días.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.