Mércores, 11 Decembro de 2024

Porto do Molle inaugura o CTBio-LAB, instalacións e servizos para empresas biotecnolóxicas

Dentro dun proxecto enmarcado no Programa INTERREG V-A España–Portugal 2014-2020, e coa presenza dos socios da Universidade de Santiago e da Associação Portuguesa de Bioindústria hoxe, o delegado do Estado na Zona Franca, David Regades e o alcalde de Nigrán, Juan González, inauguraron os laboratorios que a Zona Franca pon ao dispor das empresas do sector Biotecnolóxico de Galicia e do Norte de Portugal.

Grazas á colaboración entre a Zona Franca e BIOGA púxose en marcha este centro de apoio para o Sector Bio, o CTBio-LAB, onde se ofrecen instalacións e servizos orientados a apoiar o crecemento e a consolidación de emprendedores e empresas biotecnolóxicas de Galicia e o Norte de Portugal. Para remarcar a importancia que este tipo de proxectos ten para a rexión transfronteiriza, David Regades sinalou na súa intervención que “o Sur de Europa non pode quedar fóra da investigación en sectores emerxentes como o da biotecnoloxía porque -continuou- non queremos competir cos países do Norte en man de obra barata nin en produtos baixo custo, senón destacando en calidade e valor engadido”

O CTBio-LAB pon ao dispor das persoas físicas e xurídicas do sector biotecnolóxico -preferentemente para aquelas que teñan unha actividade inferior a 42 meses-, espazos de oficinas, laboratorios polivalentes con equipamentos básicos de uso transversal e salas de traballo. O Alcalde Juan González sinalou que “estas instalacións que apostan pola tecnoloxía e o emprendemento son moi ilusionantes para un concello como Nigrán no que se espera que nazan empresas punteira que veñan sumarse ao éxito que xa ten Porto do Molle”.

Este proxecto conta con seis socios: o Consorcio Zona Franca de Vigo, Bioga (Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida) e a Universidade de Santiago por parte galega; e a Universidade do Minho, P-Bio ( Associación Portuguesa de Bioindustrias) e o INL ( International Iberian Nanotechnology Laboratory), pola parte portuguesa. Todos os socios, dirixidos polo seu xefe de fila, José Luis Villaverde, director da área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da Universidade de Santiago e por Filipa Sacadura Schmidt, secretaria xeral de P-BIO – Associação Portuguesa de Bioindústria, mantiveron con posterioridade á inauguración unha reunión de traballo para analizar os avances conseguidos no programa que ten como obxectivo final de mellorar a competitividade empresarial e a consolidación do sector biotech e das ciencias da vida na rexión transfronteiriza cunha folla de roteiro conxunto e baseado na colaboración e cooperación entre axentes e empresas a ambos os dous lados da fronteira.

Para potenciar o nacemento e consolidación de startups-bio como sector de futuro para a economía da Eurorrexión, no marco do proxecto CT-BIO Zona Franca habilitou no edificio Tecnolóxico de Porto do Molle cinco ocos de incubación máis aulas de coworking e formación que veñen sumarse aos outros tres espazos xa existentes, un na Universidade de Santiago; outro na Universidade de Minho; outro no INL. En Porto do Molle, ademais de acoller ás novas startups que se aloxen, BIOGA e CZFV van ofrecer servizos para que toda aquela empresa ou persoa emprendedora que poida beneficiarse deste Centro de Apoio ideado para impulsar a competitividade empresarial. Regades animou a todas as persoas que estean a traballar neste campo a que opten a ocupar estes espazos para os que está aberta a convocatoria a través da web do proxecto: ct-bio. org