Sábado, 3 Maio de 2025

O sector hostaleiro de Nigrán e Gondomar relizarán concentracións diarias en protesta polas limitacións na apertura dos seus establecementos

Unha representación do sector hostaleiro de Nigrán e Gondomar mantivo no día de onte unha xuntanza para dar conta e analizar as reunións que, durante a pasada semana, a Comisión Hostaleira e OVALMI, mantiveron coas diferentes administracións públicas. A xuntanza, amais, serviu para analizar os compromisoso acadados e as medidas a adoptar.

Segundo o sector hostaleiro, os anuncios realizados desde a Xunta de Galicia e a falta da súa publicación oficial no DOGA, “levan ao sector a unha apertura con moitas limitacións, tanto no seu aforo como nos seus horarios”. As e os hostaleiros do Val Miñor acollen as restricións “con resignación e enfado”, xa que consideran que “unha vez máis” se lles segue a tratar con inferioridade “a outros sectores produtivos e discriminando de forma alarmante”.

O peche da hostalería ás 17:00 horas e a limitación de aforo ao 30 %, nunha comunidade autónoma onde as terrazas a estas alturas do ano non son operativas, reduce en gran medida a facturación duns empresarios que xa miraron reducidos os seus ingresos do ano 2020, a oito meses de traballo, coas consecuencias económicas graves que iso conleva.

Na reunión acordouse realizar unha concentración diaria e durante un mes, ás 18:00 horas na ponte da Ramallosa, a modo de protesta. Así mesmo, decidiuse facer unha recollida de firmas in situ e nos propios locais, pedindo ao Goberno da Xunta e ao Central, que a hostalería non volva pecharse xa que, afirman, “está máis que demostrado que non son o problema e que, a pesar, do seu peche, os casos seguen en aumento, confirmando que os seus negocios son totalmente seguros ante a COVID-19”.