Mércores, 11 Decembro de 2024

O Pleno de Nigrán aproba a revisión do contrato con Cespa

O goberno aprobou a súa moción na que pide a futura integración de Povisa na rede pública do Sergas

O goberno de Nigrán aprobou no pleno ordinario do martes –co voto en contra do PP– a revisión de prezos dende o ano 2016 a 2018 contemplada no contrato con Cespa e que suma 3.037 € a favor das arcas municipáis. Así, segundo os informes técnicos e aplicando a fórmula de revisión establecida, a concesionaria de recollida de lixo debe abonar ao Concello 11.594 € polo ano 2016 e 3.155 € polo ano 2017, mentras que o Concello debe pagar a Cespa 11.712 € polo ano 2018, dando todo isto un resultado de 3.037 € a favor do consistorio.

Deste xeito, o Concello pon fin á revisión de prezos e atrasos herdada desde 2012, xa que en febreiro de 2018 abonouse por este mesmo concepto á concesionaria 136.481 € froito da revisión desde 2013 a 2015. De feito, completar esta obriga contractual era un compromiso adquirido no pleno de xaneiro de 2018 por toda a corporación diante dos traballadores.

“O contrato con Cespa, vixente dende 2004, finaliza no 2020, polo que resulta fundamental que as contas estén ao día de cara a esa data. Hai que dicir que a nosa relación coa concesionaria nos últimos anos ten mellorado moito e consideramos óptimo o servizo que veñen prestando”, sinala o alcalde, Juan González.

POVISA

O goberno municipal de Nigrán aprobou co voto en contra do PP unha declaración na que o Concello pide a futura integración do Hospital Povisa na rede pública do SERGAS:

“O Hospital Povisa é o centro de referencia de asistencia sanitaria pública para moitos veciños de Nigrán e do Val Miñor, motivo polo que a noticia sobre a súa recente venda a unha multinacional de EEUU preocupa e crea inquedanza sobre o seu futuro, tanto entre os seus pacientes como no persoal traballador.

Conscientes da importancia de manter e garantir unha asistencia sanitaria pública e de calidade, a corporación de Nigrán SOLICITA á Xunta de Galicia que inicie o procedemento para declarar o Hospital Povisa de interese público co obxectivo de integrarse na rede pública do SERGAS de cara ao ano 2022, data na que finaliza o actual concerto co Sergas, garantindo en todo caso os postos de traballo e dereitos laborais.

O Hospital Povisa debe manter e consolidar a atención pública para así garantir na área de Vigo o dereito dos seus habitantes a recibir unha atención sanitaria 100% pública, universal, gratuíta e de calidade”.