Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello de Nigrán instala en Praia América catro espazos preferentes para persoas como mobilidade reducida

A actuación encádrase na subvención do GALP para mellorar a accesibilidade no areal, situándose estes solariums en cadanseu remate das catro novas ramplas de madeira

O Concello de Nigrán avanza na creación dun areal 100 % inclusivo ao instalar en Praia América-Lourido catro espazos preferentes a modo de solarium para persoas con mobilidade reducida. A actuación realizouse a través dunha subvención de 45.451 € do GALP (Grupo de Acción Local Costeira) que, a súa vez e entre outros aspectos, permitíu instalar catro novas ramplas de madeira de acceso ao areal que rematan con cadanseu solarium do mesmo material e aproximadamente 4×2 metros.

“As pasarelas permiten que persoas con cadeiras de rodas ou carriños de bebés podan acudir á praia sen problemas. Agora este espazo facilítalles a propia estancia na praia ao ser moi difícil para eles meterse na area”, explica o alcalde, Juan González, quen encadra a iniciativa no plan municipal de inclusión ‘Un Nigrán para todos’.

“Se ben o traballo corresponde a unha continuidade nas actuacións que se veñen realizando desde hai anos no Concello, nesta ocasión e grazas ao GALP innovamos coa circunstancia específica de traballar na accesibilidade na contorna de Praia América ao ser o areal máis urbano da localidade, creando un miradoiro accesible, varandas de seguridade, pasarelas flexibles de madeira e estes solariums”, resume.