14.3 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán tentará asumir a titularidade de Otero Pedrayo para realizar as obras...

    Nigrán tentará asumir a titularidade de Otero Pedrayo para realizar as obras que a Xunta nega sistemáticamente

    O Concello de Nigrán leva solicitando dende o 2016, e de xeito insistente, a mellora da rúa Otero Pedrayo, un treito da estrada PO-333, dependente da Xunta de Galicia, é que constitúe un eixo fundamental nas comunicacións do muncipio ao enlazar Nigrán e Panxón e ser, polo tanto, unha vía cunha alta densidade de tráfico e de desprazamento de peóns.

    As relacións entre o goberno socialista de Nigrán e a Xunta de Galicia nunca foron moi cordiais agravadas, se cadra, polas continuas faltas de “lealdade ou cortesía institucional” –cada quen que elixa o que prefira– que fixo que o alcalde de Nigrán se tivera que enterar pola prensa de máis dunha visita dun conselleiro da Xunta ao seu municipio.

    Os últimos resultados electorais que fixeron que o PSOE acadase 13 dos 17 escanos deixando ao PP con 4 representantes, parece ser que, a vista dos feitos, non sentaron nada ben en San Caetano que opta por “pasar amplamente” das peticións e necesidades do Concello de Nigrán.

    A situación tradúcese en que, logo de anos de reclamacións sobre a mellora dun vial de competencia autonómica como é Otero Pedrayo, “a Xunta non contestou a ningunha das nosas peticións para firmar un convenio de colaboración e tampouco o inclúe nos seus orzamentos pese as nosas reiteradas emendas”, sinala Juan González, alcalde de Nigrán que ten claro que “a estas alturas xa temos claro que non pretende arranxar Otero Pedrayo, así que agora só pedimos ter a titularidade para poder emprender desde o Concello as obras”.

    González apela á “responsabilidade pública” para tomar esta decisión pese a discrepar coa “inxustiza” que comete a Xunta ao non investir en asuntos da súa competencia e desoír á veciñanza de Nigrán. “Discrimina ao municipio por cuestións de cores políticas”, engade.

    Así pois o goberno de Nigrán levará ao vindeiro pleno ordinario do 27 de xaneiro unha moción pedindo o cambio de titularidade a rúa Otero Pedrayo (PO-333) a favor do Concello de Nigrán co fin de poder emprender dunha vez por todas obras de mellora neste tramo de 1,8 km que une Nigrán e Panxón. O goberno local toma esta decisión tras anos reclamando á Xunta unha intervención nesta estrada autonómica, “que se atopa nun estado calamitoso e conta coas beiravías peor conservadas da provincia coas consecuentes denuncias da veciñanza”. O Concello conta cun proxecto que cifra o investimento en 1,5 millóns de euros, contía que, definitivamente, asumirá en solitario con cargo ao remanente de tesourería.

    En todo caso, o goberno autonómico fai oídos xordos a unha petición unánime da Corporación de Nigrán do 2016 cunha moción apoiada polo tanto tamén polo PP, na que se pedía á Xunta a renovación de beirarrúas, saneamento, abastecemento e firme implementando medidas de seguridade viaria para, posteriormente, asumir o Concello a titularidade. Non se obtivo resposta a ningunha das peticións e este silencio mantense incluso despois de que o Concello remitise á Conselleria de Infraestruturas en xullo de 2017 un anteproxecto e solicitar todo este tempo diferentes reunións para tratar o asunto. Tampouco a Xunta incluíu Otero Pedrayo nos seus orzamentos pese as emendas realizadas dende o PSdG a instancias do goberno de Nigrán.

    “A situación é absolutamente calamitosa, cunhas beiravías esnaquizadas, cuns servizos que tanto ambientalmente como estruturalmente supoñen un gran problema para Nigrán e de novo a resposta da Xunta é de rexeitamento a calquera colaboración con Nigrán”, recolle a moción, que incide en que debe rehabilitarse “sen seguir esperando a colaboración dunha Xunta de Galicia ausente”.

    O Concello subliña que, ao ser unha estrada de natureza urbana, é susceptible de cesión a titularidade municipal como foi o caso de rúa Mariñeiro en Panxón, onde a situación resultou moi similar e o Concello xa tivo que asumir en solitario as obras.

    “Este é o primeiro paso dun proceso que non é inmediato pero que significa acadar o obxectivo buscado tanto tempo de facer as obras de mellora. O primeiro é a tramitación da titularidade, despois finalizar o proxecto e acadar as autorizacións pertinentes e, finalmente, abrir o proceso de contratación”, resume González.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.