Venres, 2 Maio de 2025

Nigrán rehabilitará o faro de Panxón

O faro de Canido (Nigrán) lucirá renovado ao longo do ano 2023. A Delegación do Goberno en Galicia confirmou onte a concesión de 232.730,25 € dos fondos europeos Next Generation ao Concello de Nigrán para rehabilitar integralmente este edificio ubicado ao carón de Panxón en prácticamente situación de abandono tras quedar nun limbo urbanístico ata a modificación das normas subsidiarias no ano 2020. O obxectivo é reformar toda a planta baixa sen afectar ao seu volume e superficie para transformalo nun local recreativo de uso polivalente. A intervención non afectará a estrutura troncocónica do faro en si mesmo, que segue en activo cumprindo a súa función, se non á construción adxacente.

“Leva anos en situación de abandono e ofrece unha imaxe degradada nunha contorna especialmente turística, polo que plantexamos recuperalo para o goce de toda a veciñanza”, explica o alcalde, Juan González, quen engade que ata que non se modificaron as normas subsidiarias urbanísticas no 2020 non se puido intervir ao estar nun limbo por ser zona verde”, xustifica. “Cando a súa situación se desbloqueou no ano 2020 encargamos o proxecto e realmente foi moi complexa a tramitación porque requiríu de moitas autorizacións sectoriais ao incluír o edificio un faro en activo”, engade. Agora, o Concello dispón de 10 días para aceptar expresamente esta subvención da que na comarca do Val Miñor tan só se beneficiará Nigrán e que se encadra na Liña 1 do ‘Programa de Impulso a la Rehabilitación de Edificios Públicos (Pirep Local)’ incluído no Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do goberno de España.

O proxecto do arquitecto nigranés Severo Fernández contempla crear no seu interior (162,75 m2 de superficie) un espazo amplo, perfectamente aillado e iluminado, con dous baños adaptados (actualmente non dispoñen das dimensións mínimas), un almacén inmediato e un cuarto de instalacións (esta división é practiamente idéntica á actual). Co obxectivo de proporcionar o máximo benestar aos seus usuarios toda a planta será aillada con material de alta eficiencia en todo o seu perímetro, fachadas, teito e chan. A maiores, melloraranse os acabados exteriores e se substituirá toda a carpintería, limpándose ademais todas as fachadas de pedra, polo que o edificio deixará de presentar as pintadas e graffitis que actualmente o afean.

“Non queremos adaptalo a un fin concreto porque precisamente o obxectivo é que poida ter un uso polivalente, o que implica que poda acoller desde exposicións ata obradoiros ou charlas”, explica o rexedor.