O goberno de Nigrán aprobou este luns o proxecto para rehabilitar e dotar de accesibilidade universal a cafetería das instalacións municipais de Dunas de Gaifar co obxectivo de volver a sacar a concurso público a súa xestión –actualmente sen actividade tralo cese do concesionario, ao que o Concello liquidou a fianza de 17.000 €–. O investimento, cifrado en 39.957 €, contempla reparar e repoñer os elementos que non se atopan en condicións óptimas ou foron retirados, así como mellorar a accesibilidade.
Descártase, en todo caso, a realización de cambios na distribución “dado que o uso de cafetería se manterá”. O prazo de execución destas obras, cuxa licitación estará lista nas vindeiras semanas, é de dous meses.
O alcalde de Nigrán, Juan González, quen aclaraba que a adxudicación da cafetería “será de aluguer e desligada por completo da xestión deportiva das pistas ou do mantemento da parcela” –a diferencia dos anteriores contratos– adiantou que, tanto a tramitación das obras como a concesión “faránse no menor prazo de tempo posible” pero sen que dita axilización do proceso “limite ou condicione” o obxectivo de mellorar o espazo.
“O obxectivo –engade o rexedor local– é entregar a cafetería ao futuro concesionario nun estado óptimo porque repercutirá no beneficio de todos os usuarios e da propia imaxe de Nigrán”.

Pensando na accesibilidade
Segundo o proxecto aprobado, eliminaranse os cortaventos do alzado nordeste ao impedir a accesibilidade e dotaranse aos aseos do equipamento preciso para persoas con mobilidade reducida, xa que actualmente carece del.
Doutra banda, a cuberta e os seus petos serán reparadas debido “ao seu mal estado” e do mesmo xeito procecerase á susbtitución do canlón; revisaranse e completaranse as instalacións de fontanería e eléctrica (faltan moitas luminarias e algunha toma); implementarase a ventilación e repoñerase o pavimento da zona de pública da cafetería que, segundo o informe, “está moi desgastado e presenta irregularidades”.
No que ás carpinterías exteriores de aceiro fai referencia, “serán renovadas dado o seu gran deterioro”, mentres que as interiores “só precisan ser pintadas e reparadas puntualmente”. As obras contempladas inclúen o pintado da fachada e dos interiores (atendendo tamén aos revestimentos).
Finalmente, cunha finalidade estética, instalaranse pezas de madeira en vertical en dous tramos de fachada, por un lado na que dá cara as pistas de tenis e, por outro, na posterior, co fin de limitar o actual impacto visual das instalacións de aire.