Sábado, 3 Maio de 2025

Nigrán reclama á Xunta que “rectifique de xeito inmediato” a decisión de impedir San Roque como festivo local

Segundo o acordo plenario de xullo de 2018 ao Concello correspóndelle o próximo ano San Pedro e San Roque ao coincidir San Fiz en sábado e ser San Xoan festivo autonómico, aprobación que a Xunta non respecta

O Concello de Nigrán reclama á Xunta de Galicia que rectifique “de xeito inmediato” e respecte a decisión da Corporación Municipal de establecer por vez primeira na súa historia San Roque de Camos como festivo local no 2020 “ante a coincidencia de San Fiz en sábado e ao ser declarado San Xoan festivo autonómico”.

Precisamente, ante esta probabilidade, o pleno do 26 de xullo de 2018 estableceu por unanimidade San Roque de Camos (24 de agosto) como a segunda alternativa válida de festivo local en Nigrán (paralelamente refrendouse nesta sesión que os festivos tradicionais e preferentes na localidade son San Pedro o 29 de xuño e San Fiz o 1 de agosto, sendo a primeira alternativa a estes San Xoan o 24 de xuño e San Roque de Camos o 24 de agosto como segunda opción).

Así, conforme ao referendado neste Pleno do 26 de xullo de 2018, o Concello de Nigrán comunicou por escrito o pasado 2 de outubro á Consellería de Economía, Emprego e Industria a súa decisión de establecer finalmente San Pedro e San Roque como festivos locais no 2020 (comunicación dentro do prazo establecido, xa que finalizaba 15 de outubro). Sen embargo, pese ao Concello a cumprir en tempo e forma, dende á Xunta insisten en invalidar a decisión adoitada co voto favorable de toda a corporación.

“A Xunta pretende impoñer os festivos de 2019 para o 2020 incumprindo así o acordo plenario do Concello no que se decidiu San Roque como alternativa. A negativa sistemática da Xunta con Nigrán chega a extremos surrealistas”, sinala o alcalde, Juan González, quen incide en que isto significaría que, na práctica, os veciños de Nigrán serían os únicos de Galicia cun único festivo local e non dous.

“Precisamente, eliximos San Roque de Camos por ser unha data con gran arraigo no municipio, non foi un capricho, toda a corporación así o considerou, así que esiximos que a Xunta respecte o acordado polo Concello e acate a nosa decisión, o contrario sería un agravio a toda a veciñanza”, incide González.