Venres, 2 Maio de 2025

Nigrán inviste máis de 3.300 euros na creación dunha aula de estimulación sensorial no ‘CEIP Carlos Casares’ de Vilariño

O obxectivo é mellorar a atención á diversidade do alumnado, dispondo de elementos para experimentar cos seus cinco sentidos

O Concello de Nigrán ven de investir 3.350 € na creación dun aula específica de estimulación sensorial no CEIP Carlos Casares de Vilariño. A iniciativa parte da propia dirección do centro, que pretende así mellorar a atención á diversidade do alumnado. Así, o Concello financiou a instalación dos 72 m2 de tarima flotante que substitúen o chan de terrazo outorgándolle unha maior sensación de calidez e permitindo así que poidan empregar esta superficie como lugar de actividades.

Juan González, “É unha iniciativa que nos agrada especialmente cumprir porque forma parte de nosa política ‘Un Nigrán para todos’ e demostra o enorme compromiso das direccións dos colexios públicos do municipio”

Este tipo de aulas favorecen a percepción de sensacións mediante a aprendizaxe por medio da acción e a experimentación, así, dispón de elementos para estimular os cinco sentidos: xogos con luces de cores, tapices de diferentes texturas, caixóns de olores, pezas para manipular… Trátase dun escenario especialmente ideal para os alumnos de educación especial e/ou de idades moi temperás, porque axuda á adquisición de coñecementos e aptitudes, sendo moi beneficiosas para mellorar a concentración e a coordinación, o pensamento lóxico ou a socialización.

“É unha iniciativa que nos agrada especialmente cumprir porque forma parte de nosa política ‘Un Nigrán para todos’ e demostra o enorme compromiso das direccións dos colexios públicos do municipio”, eloxia o alcalde, Juan González, quen refire que precisamente que no CEIP Carlo Casares e CEIP da Cruz (Camos) o Concello está a desenvolver os innovadores proxectos de creación de bosques-escola.