O Concello de Nigrán rematatou o asfaltado de cinco rúas da parroquia de Priegue e finalizará entre o sábado e luns a última das catro de Panxón cun investimento total de preto de 100.000 euros ao cargo do Plan Concellos 2019 e cuxos traballos foron adxudicados a Construcciones Fechi S.L. Este novo plan municipal busca unha mellora da seguridade viaria en zonas onde a superficie pavimentada está xa moi deteriorada.
Concretamente, en Priegue destinouse un importe de 25.000 euros para as rúas Raña, Andiana, Camiño Vello, Camiño Monte e Lavadeiro (este último o único que non contaba con asfaltado) e en Panxón 60.000 € para as rúas Pastora, Lagoa-Seixo (rúa onde recentemente o Concello arranxou a rede de abastecemento con vistas a este posterior asfaltado), Lousas e Redonda (esta última é a única que queda pendente e estará lista entre mañá sábado e o luns). Con estas dúas parroquias tan só falta a de San Pedro (á espera da autorización de Patrimonio ao intervir en rúas da contorna do cruceiro de Mallón) para completar o plan 2019 de todo o municipio.

Así, en todos os casos realizouse unha limpeza do pavimento da calzada e das cunetas antes de melloralo cunha mestura bituminosa en quente estendida e compactada, ademais de facer o recrecido das tapas da rede de sumidoiros.

“Trátase de camiños que estaban en moi mal estado e que dan servizo a moitas persoas, por iso os consideramos prioritarios neste novo plan de asfaltados destas parroquias, sendo conscientes de que quedan outros pendentes que non esquecemos e que entrarán no Plan 2020”, sinala o alcalde, Juan González. Anteriormente, en Panxón, o Concello interviu en Jesús Espinosa, Gondomar, Area Alta, Camiño da Area, Arquitecto Palacios, Paraviñal, Camiño da Fonte, Porqueira ou rúa do Rial; e en Priegue en Regueiriño, Codaval, Rouxo, Condomínguez ou Antonexas.