Concello de Nigrán e FCC Aqualia, empresa concesionaria do abastecemento de auga no municipio, estrearon na contorna da Alameda de San Campio (A Ramallosa) un novidoso sistema de substitución de colectores coñecido como ‘encamisado’ mediante manga continua de fibra de vidro que racha co método tradicional de abrir gabias e evita calquera tipo de obra.
A intervención, cun resultado excelente, realizouse en 50 metros dun conduto na Alameda de San Campio que presentaban fisuras con verquidos directos á Foz (circunstancia que previamente fora comprobada mediante unha inspección robotizada por cámara TV).
“
O sistema equivale a instalar un conduto novo con máis de 50 anos de vida útil sen necesidade de abrir ningunha gabia e nun tempo de execución récord
Básicamente, o revolucionario sistema consiste en primeiramente introducir no interior da antiga tubaxe unha manga de fibra de vidro resistente á corrosión ata a posición final, unha vez colocada introdúcese un tren de lámpadas ultravioletas no seu interior e procédese a dar presión de aire para que co inchado se adhira á parede interna do vello colector, finalizado este proceso de curado quítase a presión, obtendo como resultado unha nova tubaxe totalmente continua cunha vida útil superior aos 50 anos.
“Con este método evítase abrir zanxas reducindo ao mínimo as molestias, xa que en cuestión de 5 horas está rematado un traballo que co método tradicional xeraría semanas de obras coas conseguintes molestias aos veciños e usuarios da vía”, sinala o alcalde, Juan González, quen incide no conseguinte aforro económico que tamén implica.
Así, a substitución destes 50 metros na zona da Alameda foi posible en media mañá e sen necesidade de cortar o tráfico nin molestar aos peóns.