Luns, 9 Decembro de 2024

Nigrán duplicará o número de beneficiarios do programa ‘Xantar na Casa’

As persoas maiores e dependentes beneficiarias reciben no seu fogar o menú completo para cada un dos 7 días da semana por un prezo simbólico de 1,76 €, sendo Nigrán o único concello do Val Miñor en contar con este programa

O Concello de Nigrán ven de solicitar ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar a modificación do convenio de colaboración do programa ‘Xantar na casa’ para poder duplicar o número de usuarios, o que permitirá pasar dos 10 actuais a 20 en menos de tres meses de funcionamento en Nigrán, sendo o único municipio do Val Miñor que participa neste programa conxunto co Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar.

“Os novos beneficiarios, como os actuais, son fundamentalmente persoas maiores ás que este apoio lles garante unha alimentación saudable e unha maior independencia”, explica o alcalde, Juan González. Un día á semana (os venres no caso de Nigrán) reciben no propio domicilio 7 bandexas cos menús correspondentes listos para quecer no microondas e con todas as garantías sanitarias (inclúen pan, primeiro plato, segundo e postre), tendo un custe simbólico para o beneficiario de 1,76 € por menú (Concello e Xunta aportan o resto ata 6,60 €). Así, ‘Xantar na Casa’ está destinado a maiores de 60 anos e tamén a dependentes ou en risco de exclusión social. En Nigrán arrancou en xaneiro de 2021 con usuarios das parroquias de Chandebrito, Panxón, Priegue, Parada e Nigrán, sendo 9 deles anciáns dependentes (dous deles matrimonios) e unha persoa con discapacitada problemas de mobilidade. Agora se completará con outras dez persoas maiores.

“Forma parte do proxecto ‘Un Nigrán para todos’ , neste caso dirixido á incrementar a automonía persoal ao tempo que garantimos unha alimentación saudable facilitando tamén a conciliación das familias coidadoras”, resume o rexedor, quen avanza que se pedirá outra modificación do convenio se despois xurden más persoas interesadas.

“Está funcionando moi ben, os usuarios están contentos e temos esta lista de agarda que queremos cubrir. Moitos maiores que viven sos, especialmente do rural, non teñen a capacidade de ir a mercar os alimentos e poñerse despois a cociñar e, ademais, desexan manter a independencia de vivir nos seus propios fogares, este programa está a demostrar que é dunha gran axuda”, engade Bibiana Peixoto, edil de Asuntos Sociais, quen subliña ademais o escasísimo custe económico que supón para o beneficiario.

Os menús son completos e equilibrados, correctamente condimentados e cunha boa presentación, variados e adaptables ás necesidades das persoas beneficiarias, os seus gustos e hábitos, así como á gastronomía local e á época do ano (trátase dunha dieta basal de 630-840 Kcal., o que supón o 35% do volume enerxético diario total, que no caso dos anciáns oscila entre 1.800 e 2.400 Kcal). Desde ‘Xantar na Casa’ procuran especialmente o uso de produtos de orixe, elaboración ou transformación galega .

Ademais, ao comezo do servizo compróbase que as persoas beneficiarias dispoñan de microondas, frigorífico, enxoval e calquera elemento preciso para a preparación e inxesta dos xantares porque no caso de carecer deles póñense a súa disposición en réxime de depósito.

Desde unha perspectiva integral, ‘Xantar na Casa’ pode complementar ao servizo de axuda o fogar permitindo manter ao máximo a propia capacidade de independencia e autonomía e posibilitando a permanencia nos seus propios fogares nunhas condicións aceptables, evitando o desarraigo ou retardando posibles institucionalizacións.