Domingo, 4 Maio de 2025

Nigrán contrata catro persoas en prácticas no programa «O teu primeiro emprego» da Deputación

As respectivas titulacións permitiránlles desenvolver o seu traballo nos departamentos de Contratación, a Biblioteca Municipal e Arquivo, Urbanismo ou Servizos Xerais

O Concello de Nigrán vén de contratar a través da Deputación de Pontevedra a catro persoas en prácticas ao abeiro das bases do programa ‘O teu primeiro emprego’ de fomento da empregabilidade na provincia. En concreto, e grazas a esta axuda, o Concello conta desde a semana pasada cunha nova persoa con grado en dereito no departamento de Contratación; outra especializada en Biblioteconomía e Documentación na Biblioteca Municipal e Arquivo; outra con Ciclo Superior en Proxectos de Obra Civil ou Desenvolvemento de proxectos urbanísticos e operacións topográficas en Urbanismo; e, finalmente, unha persoa co Ciclo Superior de administración e finanzas no departamento de Servizos Xerais.

Seleccionados todos a través da Oficina de Emprego de Baiona, tal e como esixían as bases, son titulados universitarios e de formación profesional da provincia de Pontevedra coa cualificación concreta requirida e sen experiencia laboral previa no eido da súa formación.

“Como institución pública temos a obriga de dar as maiores facilidades á xuventude para atopar o seu primeiro emprego, dende o Concello debemos axudar a que completen a súa formación académica con experiencia profesional para facilitarlles a futura inserción ao mercado laboral e, sen dúbida, ao mesmo tempo o consistorio tamén se beneficiará da súa presenza”, indica o alcalde, Juan González.

Estas catro persoas desenvolven o seu traballo cun contrato en prácticas durante 6 meses prorrogables a outros 6 (en función da resolución provincial final) e as retribucións son as estipuladas nas bases da convocatoria.