Domingo, 4 Maio de 2025

Nigrán continúa hoxe, no Val Miñor Fest, co programa ‘A igualdade non é un conto’

O Concello de Nigrán, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), continúa este venres ás 20:30 na Alameda de A Ramallosa e dentro do Valmiñor Fest (festival da cervexa artesanal) o programa ‘A igualdade non é un conto’, dirixido á infancia e que inclúe varios contacontos, un espectáculo de maxia e outro de monicreques.

Nesta ocasión terá lugar o contacontos ‘Coas lentes violetas’ creado para a ocasión pola parella artística de Nigrán ‘Voltereta e Volvoreta’. O programa, cofinanciado polo Ministerio de Igualdade a través do Pacto de estado contra a violencia de xénero, pretende rachar cos prexuízos e esterotipos de xénero desde idades temperás a través da participación activa das crianzas en actividades lúdicas.

O Val Miñor Fest, por cuestións de seguridade sanitaria, será con aforo limitado, desinfección de mans e control de temperatura aos asistentes e mesas mantendo distancias, recordando a organización a obrigatoriedade de empregar máscara.