Venres, 9 Maio de 2025

Nigrán completará o abastecemento de auga de Parada

O Concello prevé un investimento de 314.539 € e dará cobertura ás aproximadamente 150 vivendas que restan por conectar á rede xeral tras dotar o Concello de auga á zona da Carrasca e Nandín

O Concello de Nigrán aprobou o proxecto para completar o abastecemento de auga na parroquia de Parada tras ampliar o servizo no 2018 e 2019 á zona de Carrasca e Nandín con sendas obras municipais.

Cun orzamento contemplado de 314.539 €, ese novo proxecto prevé chegar aos barrios de A Laxe, Cabaleiros, Cartas, Tinde, Igrexa, Laxe, Rúa, Sobreiro e Reboreda aproveitando a rede existente e beneficiando así a unhas 150 vivendas que representan a uns 600 habitantes. A previsión do goberno local é completar toda a parroquia entre 2020/2021.

“Trátase de chegar ao 100% da parroquia ao existir unha clara demanda social ao respecto, xa que en Parada nin sequera hai traídas comunais como sucede en Camos ou Chandebrito. É un compromiso prioritario deste goberno, como xa viñemos demostrando”, explica o alcalde, Juan González.

Así, contémplase un colector de 4.454 metros de lonxitude que se conecta en dous puntos á rede existente. O orzamento inclúe apertura de gabias, colocación da tubaxe, execución de arquetas, instalación de válvulas, recheo e resposición do pavimento pola mesma tipoloxía. O prazo máximo de execución é de tres meses.

O Concello de Nigrán, a través da súa concesionaria Aqualia, puxo a finais de 2019 en funcionamento unha nova rede de abastecemento municipal de auga que fornece aos barrios de Nandín, parte de Con e A Reboreda e que chega a Camos (barrios de Castelo, A Lama e O Rial e ás vivendas situadas nas inmediacións da PO-332, rúa dos Pazos). Esta obra, súmase á realizada polo Concello no 2018 cun investimento de 457.000 € para abastecer a Parada polo barrio da Carrasca.