O alcalde de Nigrán, Juan González, asinou co presidente da asociación de empresarios Ovalmi, José Luis Froiz, un convenio de colaboración para que desde o Concello se bonifique o 75 % da taxa de terrazas e, ao mesmo tempo, se sexa flexible de cara a sua ampliación.
O goberno local toma ambas medidas co obxectivo de apoiar á hostalaría ante a crise do Covid-19, circunstancia que prexudica especialmente a este sector ao mermarse o espazo útil das terrazas por cuestións de seguridade sanitaria que obrigan ao distanciamento social. Os interesados na súa ampliación deben presentar a solicitude a través do mail [email protected] indicando nome do local, teléfono de contacto e dirección.

“Gustaríanos bonificar o 100% do imposto de terrazas pero é legalmente imposible, o máximo permitido é o 75%. Agardamos que Costas do Estado e da Xunta tamén realicen estes descontos porque a eles lles corresponden as terrazas do paseo marítimo de Panxón e do peirao”, explica o alcalde Juan González.
Por outra banda, engade o rexeor “seremos moi flexibles na súa ampliación permitíndoa sempre que non prexudique a terceiros nin á accesibilidade, como é lóxico”.
González xa mantivo encontros con hostaleiros de Panxón, A Carrasca Praia América ou A Ramallosa que manifestaron o seu desexo de poder aumentar o espazo de uso de terraza para compensar co número de mesas reducido por mor do Covid-19. “Resolveremos cada petición no mínimo tempo posible porque entendemos que é un asunto urxente para os hostaleiros pero que tamén beneficia á veciñanza que desexa ter momentos de ocio coa máxima seguridade”, incide González.