O Concello de Nigrán, a través do Centro de Información ás Mulleres, arranca este mércores ás 20:30 en Dunas de Gaifar o programa ‘A igualdade non é un conto’, dirixido á infancia e que inclúe varios contacontos, un espectáculo de maxia e outro de monicreques que se desenvolverán dende o día 29 de xullo ata o día 5 de setembro en diferentes ubicacións.
O programa, cofinanciado polo Ministerio de Igualdade a través do Pacto de estado contra a violencia de xénero, pretende rachar cos prexuízos e esterotipos de xénero desde idades temperás a través da participación activa das crianzas en actividades lúdicas

Así, a primeira das actuacións co título ‘Pequeno Cabaret Infantil. Os 1001 contos revirados’ a cargo de Nelson Quinteiro Roa, terá lugar nas Dunas de Gaifar este mércores 29 de xullo ás 20:30 horas. Nun vistoso teatriño a modo de barraca de feira antiga o Mestre ‘Pedrito Mendrugo’ e a súa pulga ‘Jacinta’ actualizarán contos populares integrando a perspectiva de xénero que empodera ás súas protagonistas.
Esta mesma semana, o domingo no esteiro de A Foz (zona Nigranjazz) será a quenda de ‘Coas mans na masa’, a cargo de Felipe Díaz Valle (Caxoto contacontos) ás 20:30 horas. Ó gran Chef Caxoto sempre lle dixeron que cociñar era cousa de mulleres e desta volta proporá un menú elaborado con ingredientes de igualdade co que desmontar os estereotipos de xénero e os micromachismos cociñados a lume lento ao longo da historia. Un prato de bo gusto onde entre risas, contos e sorpresas afinaremos o noso padal na igualdade e contra os estereotipos de xénero.
O programa continuará con diferentes espectáculos ata o 5 de setembro.