O Concello de Nigrán ofrecerá de aquí ao 17 de decembro un novo programa de andainas todos os sábados destinado a fomentar o hábito de camiñar como un exercicio saudable.
A primeira delas terá lugar este 12 de novembro con saída ás 10:00 horas desde a oficina de turismo Dunas de Gaifar cara a Ramallosa (ida e volta) e cunha duración aproximada de 60 minutos. Todos os roteiros serán á mesma hora, circulares, máximo de 2 horas de duración, e mediante inscrición previa en [email protected] (indicando nome e apelidos, teléfono e día da ruta na que se anotan) e se realizarán sempre e cando se reúnan un mínimo de 5 participantes.
Recoméndase acudir sempre con roupa cómoda, calzado axeitado para camiñar e unha botella de auga. A información concreta sobre cada andaina está pendurada na web www.nigran.es.
“Este ano engadimos marcha nórdica con gran éxito á nosa oferta deportiva municipal e agora incorporamos esta outra actividade. Apostamos por este tipo de exercicio ao aire libre porque queremos fomentar o hábito de camiñar en grupo: é saudable física e mentalmente, facilita a socialización e se adapta prácticamente a calquera idade e condición”, explica o alcalde, Juan González.