Luns, 24 Marzo de 2025

A Xunta non se compromete a empregar a futura cociña do «Humberto Juanes» para os menús dos colexios de Nigrán

Educación ratifica que nos futuros pregos de licitación "non se obrigará" ao adxudicatario a empregar a cociña situada no Humberto Juanes, "se trata dunha decisión absolutamente voluntaria para a empresa adxudicataria", indica

A Xunta de Galicia non se compromete a que se empregue a futura cociña municipal do CEIP Humberto Juanes para elaborar os menús dos colexios de Nigrán. A Consellería de Educación ven de respostar por escrito ao Concello de Nigrán que non ten intención alguna de “interferir na decisión que o adxudicatario tome respecto a utilización da cociña do colexio”, é máis, incide en que “se trata dunha decisión absolutamente voluntaria para a empresa adxudicataria (…) Non existe a completa seguridade de que se cociñe no centro, o que debe valorar o Concello para realizar o investimento”. A Xunta rexeita deste xeito a petición do Concello para que nas futuras bases de licitación se inclúa unha cláusula na que a empresa tería a obrigatoriedade de empregar estas instalacións que financiará o consistorio para acabar co cuestionado sistema de catering.

Neste escrito, no que a Consellería alude a unha información publicada en prensa e non aos escritos oficiais por parte do Concello, o secretario Xeral Técnico, Jesús Oitavén Barcala, descarta por completo a posibilidade plantexada dende o Concello de Nigrán e elude a propia realidade da comarca, xa que no CEE de Panxón se cociña tamén para o CPI Arquitecto Palacios e para a E.I. ‘As Dunas’ (en Vigo o caso é o Dr.Fleming, que cociña para outros centros). “Temos máis que contrastado que o menú que se elabora directamente no CEE de Panxón é dunha calidade moi superior aos dos demais colexios que se nutren do sistema de catering, e non é xusto discriminar ao alumnado da ensinanza pública, é unha cuestión de saúde. A Xunta non pode situar os intereses das empresas por riba da saúde pública dos nenos”, subliña González.

Juan González: “non pedimos un cese do contrato coas consecuentes indemnizacións, pedimos que en dous anos, cando expire, si se inclúa esta clausula nas bases, polo que seguiremos esixindo este compromiso”

O propio rexedor descarta que o Concello pretenda da Xunta que se rescinda o contrato en vigor do catering coa conseguinte indemnización que elo suporía, tal e como Oitaven refire no escrito. “Somos conscientes do problema que suporía actualmente, pero en dous anos a Xunta ten a posibilidade de prorrogar ese contrato ou non, ese sería o momento de elaborar un novo plego de licitación no que se obrigue aos candidatos a empregar a cociña propia, que xa estaría lista. Ese é o compromiso que pedimos”, sinala. Estas novas bases deberían subrogar os contratos do persoal e “zonificar” acorde á realidade de Nigrán, xa que actualmente o lote adxudicado corresponde ao CEIP da Cruz, Mallón, Carlos Casares e tamén o IES Terra de Turonio, este último de Gondomar.

Por outra banda, Oitaven refire no seu escrito a posibilidade de asinar un convenio de colaboración “para o cofinanciamento dos comedores escolares de Nigrán”, cuestión que, como el ben sinala, este Concello rexeita rotundamente. “O Concello está disposto a investir 373.878 euros con cargo aos fondos municipais para habilitar a cociña ante a negativa da Xunta a facelo, pedir que, a maiores, financiemos os menús non só é incomprensible, se non que ademais nos parece un abuso e unha inxustiza”.

Proxecto aprobado

O Goberno de Nigrán aprobou hai dúas semanas o proxecto para modernizar a cociña e o comedor do Humberto Juanes co obxectivo de que poida dar servizo a tódolos colexios públicos do municipio que o soliciten. O proxecto realizado polo estudio nigranés Aintegra contempla unha cociña suficientemente dimensionada para dar resposta a tódolos centros educativos de Nigrán que así o desexen, así, tería capacidade para abastecer a máis de 570 usuarios, tendo os colexios de Nigrán actualmente 561 comensais asignados.

“A demanda partiu do CEIP Humberto Juanes pero é unha cuestión de xustiza, equidade e igualdade de oportunidades que beneficie a tódolos colexios públicos do municipio, con este fin se dimensionou o proxecto”, incide González.

Contrarrestaríase o uso de alimentos ultraprocesados e privilexiaría o uso de produtos frescos e materias primas do comercio local, poderían elaborarse menús máis variados, […] permitiría menús máis equilibrados e axustados ao perfil do alumnado, resultando pratos máis atractivos para os cativos.

Tanto dente a comunidade educativa como dende o Concello consideran que prescindir do sistema de catering actual permitiría ter unha alimentación máis saudable porque se contrarrestaría o uso de alimentos ultraprocesados e privilexiaría o uso de produtos frescos e materias primas do comercio local, poderían elaborarse menús máis variados, achegaría aos nenos á cultura do esforzo e traballo ao non separar fisicamente o proceso de elaboración do resultado final e crearía un ambiente máis familiar no centro. Ademais, considerase que permitiría menús máis equilibrados e axustados ao perfil do alumnado, resultando pratos máis atractivos para os cativos.

Esta nova cociña ocuparía 490 metros cadrados dunha zona de almacén e de aulas actualmente sen uso e que conta cunha distribución moi pouco funcional, xa que a cociña do centro carece das instalacións e equipamento mínimo necesario para poder facer a comida, non existen cámaras nin almacén de alimentos. Así, o proxecto plantexado a dota dun equipamento acorde ás demandas actuais e renova e moderniza as instalacións de fontanería, saneamento, electricidade, renovación do aire e seguridade contra-incendios. A nova distribución contará con zona específica onde irán as novas cociñas, cámaras frigoríficas e almacéns ou zona de lavado e lixo.