A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, achegouse onte ata a estrada PO-552 en Nigrán, no tramo polo que discorre o Camiño Portugués da Costa, para supervisar o inicio das obras de mellora da seguridade viaria programadas polo Executivo autonómico e que contan cun investimento de 19.000 euros.
A intervención, tal e como informou a representante do Goberno galego, consiste na execución dunha senda na marxe esquerda, coincidente coa entrada e saída do Camiño Portugués da Costa, na que non existe un espazo axeitado de circulación para os peóns. Segundo dixo, as obras teñen como obxectivo reforzar a seguridade viaria dos peregrinos, usuarios vulnerables das estradas.
Tamén se disporán bandas transversais de alerta e reforzarase a sinalización coa fin de incrementar a seguridade neste punto.
Os traballos que deron comezo esta mañá levaranse a cabo na zona correspondente ao punto quilométrico 7+700 desta vía autonómica, na que existe un volume considerable de tráfico e a velocidade está limitada a 50 quilómetros/hora.