Sábado, 3 Maio de 2025

A Xunta inviste 19.000 euros na mellora da seguridade na PO-552 en Nigrán, no treito do Camiño Portugués pola Costa

A intervención, no punto quilométrico 7+700, consiste na execución dunha senda na marxe esquerda e na colocación de sinais de cruzamento para reforzar a seguridade viaria dos peregrinos

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, achegouse onte ata a estrada PO-552 en Nigrán, no tramo polo que discorre o Camiño Portugués da Costa, para supervisar o inicio das obras de mellora da seguridade viaria programadas polo Executivo autonómico e que contan cun investimento de 19.000 euros.

A intervención, tal e como informou a representante do Goberno galego, consiste na execución dunha senda na marxe esquerda, coincidente coa entrada e saída do Camiño Portugués da Costa, na que non existe un espazo axeitado de circulación para os peóns. Segundo dixo, as obras teñen como obxectivo reforzar a seguridade viaria dos peregrinos, usuarios vulnerables das estradas.

Tamén se disporán bandas transversais de alerta e reforzarase a sinalización coa fin de incrementar a seguridade neste punto.

Os traballos que deron comezo esta mañá levaranse a cabo na zona correspondente ao punto quilométrico 7+700 desta vía autonómica, na que existe un volume considerable de tráfico e a velocidade está limitada a 50 quilómetros/hora.