13.7 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránA Xunta elimina un punto de vertido de augas residuais do río...

    A Xunta elimina un punto de vertido de augas residuais do río Muíños de Nigrán

    O vertido foi localizado polos técnicos do Plan de Control de Vertidos no lugar de Vilameán no transcurso dunha revisión rutineira da rede fluvial neste municipio

    Imaxe de arquivo dunha barreira anticontaminación no río Muíños

    A Xunta vén de eliminar un punto de vertido de augas residuais á desembocadura do río Muíños, no concello de Nigrán.

    O foco foi identificado polos técnicos do Plan de Control de Vertidos, dependentes de Augas de Galicia, no lugar de Vilameán, na parroquia de Nigrán, no marco das inspeccións rutineiras na rede fluvial do municipio.

    Os inspectores desprazados á zona identificaron un foco de auga residual sen depurar ao domino público, que orixinaba a afección visual na masa de auga do río Muíños, procedente dun punto de evacuación de augas pluviais.

    O persoal de Augas de Galicia puxo esta situación en coñecemento do Concello de Nigrán, efectuándose unha inspección da zona conxuntamente co persoal da empresa concesionaria do servizo municipal de augas.

    Estas tarefas permitiron localizar a orixe do vertido de augas residuais na avenida de Praia América, onde se producía unha filtración de augas residuais desde o colector de saneamento municipal cara á rede de augas pluviais.

    Nunha nova inspección efectuada á zona polo persoal de Augas de Galicia confirmouse a reparación do colector da rede de saneamento por parte da concesionaria do servizo municipal de augas, o que permitiu o cese do vertido de augas residuais ao dominio público hidráulico.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.