Martes, 6 Maio de 2025

A Xunta colabora coa diócese de Tui-Vigo na mellora do Templo Votivo de Panxón, Nigrán

Técnicos da Consellería de Cultura visitaron a igrexa con representantes da Parroquia e da Diócese de Tui-Vigo, propietaria do inmoble e a quen corresponde o seu mantemento, para estudar as solucións e metodoloxías máis axeitadas

A Xunta de Galicia xa está colaborando coa Diócese de Tui-Vigo na mellora do Templo Votivo do Mar en Panxón (Nigrán), obra do arquitecto Antonio Palacios. Con obxecto de mellorar as condicións desta singular igrexa (coñecida tamén como Igrexa de San Xoán de Panxón), técnicos da Consellería de Cultura desprazáronse o pasado mes de xullo ao templo, onde se reuniron cos seus responsables co obxectivo de estudar posibles solucións así como as metodoloxías máis axeitadas para levar adiante os traballos de conservación do monumento en base ao coñecemento que xa teñen sobre o seu estado.

Esta colaboración enmárcase dentro do seguimento da evolución da afección do templo que veñen facendo os responsables da Parroquia e da Diocese de Tui-Vigo (que como propietaria do inmoble é a encargada de velar pola integridade do mesmo), co asesoramento dos servizos técnicos da Consellería de Cultura.

Na reunión púxose de manifesto a complexidade da conservación, xa que se trata dun inmoble construído no século XX, con pedra de granito, cemento portland, vidros deseñados para o uso industrial e formigón de deficiente execución, nunha época na que estes materiais non eran habituais e, ademais, eran escasos.

Con todo, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade vai apoiar esta rehabilitación que se mostra como singular e dificultosa tendo en conta as características particulares do monumento así como a a deficiente calidade e evolución dos materiais e sistemas construtivos empregados na súa construción.

Unha vez pechado os estudos previos e o informe de necesidades, procederase á redacción do proxecto e a contratación dos traballos nos termos nos que fixe o acordo de colaboración coa Diócese.