Mércores, 11 Decembro de 2024

A Mancomunidade do Val Miñor convoca a contratación de 18 postos de socorrismo

A Mancomunidade de Concellos do Val Miñor, a través do seu presidente Juan González, publicou onte no BOP o inicio do proceso de selección para contratar a 18 socorristas máis de cara a tempada de verán nas praias da comarca. Ademais, hai 12 en proceso de selección a través do Servizo Público de Emprego de Baiona (un máximo de 8 deles serán financiados a través dunha subvención da Xunta de Galicia). O obxectivo é contar cun total de 30 socorristas que den servizo nos areais de Nigrán e Baiona entre o 1 de xullo e 31 de agosto.

Con este número e a presenza de Protección Civil elévase a seguridade nos principais areais e, paralelamente, as praias cumplen cos criterios de ADEAC para manter as bandeiras azuis (en Baiona son 5 e Nigrán non solicitou as enseñas este ano pero manterá o mesmo ratio de socorristas, tal e como comprometera).

“Este ano o salario incrementouse en máis de 100 euros mensuais para incentivar a súa contratación porque a realidade é que hai poucos socorristas co título requirido e moita demanda deles, por iso o ano pasado tivemos problemas para acadalos”, recoñece o alcalde, Juan González.

Os interesados dispoñen agora de 7 días para presentar a súa solicitude, poidendo consultar as bases na Sede Electrónica da Mancomunidade. O contrato é do 1 de xullo ao 31 de agosto cunha xornada de traballo de 37,5 horas semanais e 1.296,06 €/brutos ao mes e 1.410 € o coordinador (o ano anterior eran 1.160 € e 1.262 € respectivamente).

O proceso selectivo inclúe unha proba física obrigatoria e eliminatoria na praia e unha proba obrigatoria mediante cuestionario con 20 preguntas tipo test sobre primeiros auxilios e salvamento acuático; a maiores puntúase a experiencia e formación e os permisos para o goberno de embarcacións.