Venres, 9 Maio de 2025

Os concellos de Baiona e Tui, entre as novas asignacións do Plan Concellos da Deputación

A Deputación destina máis de un millón de euros en recursos para outros catro concellos da provincia

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novos recursos por un importe de máis de 1 millón de euros (1.004.268,55), ao abeiro do Plan Concellos, para financiar equipamentos e contratación de persoal en Baiona, Pontecesures, Tui e Lalín.

En concreto, a Deputación destina a Baiona 186.184,55 euros para a mellora da rede de saneamento na zona de Percibilleira. Esta actuación comprende a substitución das redes na rúa Fontiñas e na rúa Percibilleira, nos tramos que na actualidade son de formigón. Amais, tamén se repoñerá a rede de abastecemento naqueles tramos que sexa necesario debido á execución de novas canalizacións e tamén se fará unha reposición do firme que se atopa en mal estado. En total, actuarase nunha superficie total de case 2.900 metros cadrados.

En canto a Tui, a Deputación destina 130.148 € para financiar as melloras na pavimentación, canalización de pluviais e muro de contención do viario entre A Devesa e San Antoniño, en Malvas (Fase I). A finalidade é facilitar o acceso á veciñanza, xa que na actualidade a capa de rodadura atópase en estado irregular, con baches e fisuras. Para darlle solución, executarase unha nova capa de rodadura, limparanse as cunetas e taludes, executarase unha canalización de drenaxe de pluviais, instalaranse pozos de rexistro e farase un muro de contención.

No caso de Pontecesures, recibirá unha achega de 91.058,72 euros para a mellora do andar do semisoto do edificio do concello para locais de uso administrativo (acondicionamento da zona de usos administrativos do Edificio do Concello). A intervención ten por obxecto acondicionar unha zona de aulas existente para mellorar as súas condicións. Deste xeito, executaranse tres despachos individuais con luz natural, adaptarase o aseo, executaranse dúas salas separadas por un tabique móbil, tamén o trasdosado no interior da fachada, e instalarase climatización, electricidade e saneamento.

Por último, o goberno provincial aprobou para Lalín tres achegas por un total de 596.876,86 euros. En concreto, 94.778,07 euros financiarán o abastecemento de Palmaz e Casares, para dotar de auga potable a estes núcleos así como unha actuación puntual en Bergazos. Doutra banda, 189.600 euros financiarán a pavimentación de viarios en Anzo, Meixome, Prado e nos camiños ao Depósito de Auga novo, Torguedo-Catasós, Vilamaior-Botos, Pena-Donsión, no entronque en Ansean, no camiño en Xar, no camiño en Carragoso, no acceso a Cáceme, no acceso a Rodis, no Val do Carrio-Igrexa, na pista de Rielo, na de Ois Grande, na de Vila Santiso, na de Brántega a Cruceiro, no acceso a Viñoa, na estrada en Muíños-Vilanova e en Meixomin, e na pista de Vales-Gresande. E, amais, enmarcado na liña 3 de emprego, Lalín recibe 312.498,79 euros cos que poderá financiar a contratación de 35 persoas traballadoras.