Martes, 6 Maio de 2025

O tapeo de “Degusta Europa” chega á praza de abastos de Baiona o mércores

A Praza de Abastos de Baiona acollerá este mércores a presentación da cuarta edición do programa Degusta Europa, impulsado pola Deputación de Pontevedra. Esta iniciativa gastronómica, que permite levar a vangarda e a innovación na cociña aos mercados de abastos, celebrarase desde as 11:00 horas e ofrecerá tapas gratuítas a todos os asistentes.

Máis aló do tapeo gratis, a iniciativa pretende promover e impulsar os mercados, potenciando a enogastronomía e outorgándolles un toque de innovación grazas aos produtos de excelencia e proximidade.

No caso de Baiona, serán os alumnos do CIFP Manuel Antonio os que traballen con produtos das nosas rías e das nosas terras para elaborar unha serie de tapas inspiradas na temática europea. O obxectivo de “Degusta Europa” é “consegue ligar produtos do mar e da terra e empregar produtos da nosa costa ou do noso interior que cada vez teñen máis demanda, como é o caso das mazás”.