Venres, 2 Maio de 2025

O “Outono gastronómico” chega a Baiona

A Oficina de Turismo do Concello de Baiona acolleu a presentación “17º Outono Gastronómico 2023”. A Vila Mariñeira foi parada do roteiro do autobús promocional da campaña que percorreu as principais praias da costa galega coa finalidade de captar o turismo estival para futuras viaxes outonais a Galicia. Trátase dunha iniciativa que busca promover, apoiar e impulsar accións que poidan mellorar a ocupación dos establecementos de turismo rural e o desenvolvemento do turismo en xeral nos espazos rurais de Galicia, difundir a riqueza e calidade dos produtos de proximidade e contribuír a desestacionalización do turismo rural galego.

O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Salmuíña, exerceu de anfitrión do acto no participaron o Director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles Remy, o Presidente da Agrupación industrial de Turismo de Galicia, Cesáreo G.Pardal, a responsable de área de turismo da Deputación de Pontevedra, Nava Castro Domínguez, e o Presidente de FEGATUR (Federación Galega de Turismo Rural), Francisco Xabier Almuíña Chorén quen foi o encargado de amenizar o acto tocando o instrumento tradicional da sanfona.

Gozar da gastronomía e facer unha escapada por Galicia este outono acompañado pola familia, con amigos ou en solitario é a proposta de Outono Gastronómico, un programa que conta co apoio de Turismo de Galicia e que arrinca o 15 de setembro. As casas rurais que participan nesta iniciativa ofrecerán dous menús distintos, exclusivamente concibidos para esta ocasión. A oferta estará dispoñible ata o 17 de decembro de 2023 nun total de 79 establecementos, seis máis que en 2022, cando se beneficiaron máis de 77.600 persoas.

O Outono Gastronómico en Turismo Rural é unha promoción creada no ano 2007 pola área de Produto de Turismo de Galicia en colaboración coa rede de establecementos de Turismo Rural de Galicia, que combina a gastronomía e a estancia nas casas rurais galegas a prezos moi competitivos.

Os organizadores lanzaron unha guía con toda a información para os interesados en gozar da 17ª edición de Outono Gastronómico poidan coñecer de primeira man todas as opcións dispoñibles, desde Menú Outono Gastronómico ata Outono Plus. A primeira delas inclúe a oferta gastronómica, mentres que os que ademais de degustar o menú estean interesados en pernoitar na casa de turismo rural elixida poden adquirir o Paquete Outono Gastronómico. A oferta completa atópase no paquete Fin de semana Outono Gastronómico. Ademais, os que queiran compartir a fin de semana coa familia poden apuntarse a Fin de semana Familiar Outono Gastronómico, con ata dous nenos incluídos. Por último, Outono Plus é unha modalidade de participación na que ademais da gastronomía e a estancia, os establecementos ofrecen unha serie de actividades complementarias, como paseos dacabalo, descenso en canoa, sendeirismo ou visitas culturais.
Os paquetes do programa Outono Gastronómico están dispoñibles os venres, sábados e domingos, excepto as fins de semana do 13 ao 15 de outubro e do 8 ao 10 de decembro. Dos 79 establecementos que participan, un total de 24 atópanse na provincia da Coruña; 22 en Lugo; 17 en Ourense e 16 na provincia de Pontevedra.