O Concello de Baiona vén de dar por finalizados os traballos de mellora do camiño de Fonteloureira, en Belesar, obras que foron visitadas polo alcalde de Baiona, Carlos Gómez, acompañado polo concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez.
Desde a Concellería de Vías e Obras, Óscar Martínez, sinala que con este proxecto de mellora do vial “levouse a cabo a renovación do firme coa aplicación dunha nova capa de rodadura e o arranxo da base nas zonas máis danadas. Tamén se procedeu á mellora da drenaxe mediante a realización dunha cuneta de formigón que recollerá e canalizará as pluviais. Así mesmo, procedeuse á limpeza das marxes do camiño”.
A obra, realizada por Construcciones Fechi, supuxo un investimento de 34.970,88 euros e foi financiada polo Concello de Baiona e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).
Pola súa banda, o alcalde, Carlos Gómez, sinalou que con esta obra “favorecemos a conexión existente entre o barrio de Estivada co barrio do Urgal, conseguindo unha mellora na seguridade e comodidade de todas as veciñas e veciños. Esta obra súmase a unha de tantas que o noso goberno está a realizar nas parroquias, co fin de mellorar as condicións das mesmas”.
