Sábado, 3 Maio de 2025

O Barbeira Season Fest combinará música indie e alta gastronomía

Un dos últimos festivais do verán galego en celebrarse terá lugar o próximo 19 de setembro na Península de Santa Marta de Baiona

Onte presentouse en Baiona o Barbeira Season Fest, que se celebrará o vindeiro sábado 19 de setembro nunha nova localización do municipio, a Península de Santa Marta. Este ano, o festival desprázase do Parador de Baiona e a praia de Barbeira para poder cumprir coas normas de aforo que marcan as autoridades sanitarias.

O festival presentouse a través dun coloquio conducido pola xornalista Teresa Cuíñas no que participaron o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, a concelleira de Cultura, Miriam Costas, o Brand Manager de Mahou San Miguel en Galicia, Hugo Pérez, o director do festival, Isaac González, o chef Pedro Pérez, de “ Cociña Ourense” e os grupos Basanta e Ortiga. Ademais, a organización do certame convidou a asistir como público á presentación ás 10 primeiras persoas en reservar a súa cadeira. Con esta pequena representación, o festival quixo agradecer a toda a xente que, comprando a súa entrada, segue apoiando e confiando no proxecto nestes tempos de incerteza para o sector.

Durante a charla, o alcalde de Baiona asegurou que “desde o Concello temos un compromiso coas persoas e o apoio a este festival confirma que seguimos traballando nesta liña”. “A cultura en Baiona é un referente histórico que temos que seguir protexendo”, comentou. Ademais, o alcalde afirmou que a celebración deste festival servirá como “pistoletazo á desestacionalización na que vimos traballando”. Pola súa banda Miriam Costas, responsable da área de Cultura do municipio, resaltou a calidade de “refuxio” que ten a cultura e falou do orgullo que representa poder apoiar proxectos como este en momentos tan complicados. Hugo Pérez, Brand Manager de Mahou en Galicia, a principal marca patrocinadora do certame, comentou que “como non podía ser doutra maneira, Mahou está hoxe aquí para demostrar o seu apoio á organización que está a realizar un gran esforzo para adaptarse ao novo contexto. Nestes momentos tan complicados Mahou quere demostrar, agora máis que nunca, o seu compromiso coa música en directo e a súa capacidade para unir persoas e impulsar experiencias únicas e encontros inesquecibles como o que, sen dúbida, será esta segunda edición do Barbeira Season Fest”.

O coloquio derivou despois nunha conversación entre o director do Festival, Isaac González, e os grupos Ortiga, un dos que forman o cartel deste ano, e Basanta, que, tal e como desvelaron, estará o ano que vén. Falaron da importancia de manter vivos estes eventos “para que técnicos, promotores, artistas, etcétera, podamos seguir vivindo”, comentou Ortiga. Pola súa banda, Basanta, que confirmou que será a primeira formación en subirse ao cartel do 2021, apelou á esperanza. Isaac González, agradeceu o apoio recibido pola administración e empresas privadas para manter vivo o certame. “Temos que atrevernos a facer eventos de maneira segura. A cultura é segura”, finalizou.

Todos quixeron tamén destacar a “valentía” e a “profesionalidade” da empresa promotora do evento, Elemental Street, por manter vivo o festival nestes momentos.

Concertos e gastronomía ourensá

La La Love You, Ginebras, Ortiga e Lisasinson serán os grupos que se suban ao “Escenario Mahou” do Barbeira Season Fest desde as 14:00 horas ata as 22:00 h horas do sábado. Ademais, este ano, o festival contará cun espazo gastronómico no que os chefs do grupo “ Cociña Ourense”, convidados pola Deputación de Ourense e aceites abril, serán os protagonistas. “Os chefs son tamén cabeza de cartel”, sinala o director do Season. Os cociñeiros serán os primeiros en “actuar”. A súa sesión de cociña fusionarase coa música da DJ Paula Docampo e tamén serán os encargados de pechar o festival. “A idea é que o público coma e cee alí mesmo pratos de alta cociña a un prezo alcanzable”, sinala González.

O Barbeira Season Fest está organizado pola promotora de eventos Elemental Street e conta co apoio do Concello de Baiona e Mahou, como patrocinadores principal, e a colaboración de Aceites Abril, Galicia Calidade, Deputación de Ourense, El Afilador e Lolea.