22.2 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorBaionaCanarias e Galicia manteñen a loita pola Liga Española de Vela

    Canarias e Galicia manteñen a loita pola Liga Española de Vela

    A ‘Liga Española de Vela–Trofeo Loterías y Apuestas del Estado’ enfilou este sábado a súa recta final en Baiona tras a celebración da segunda xornada de probas, nas que a tripulación do Real Club Náutico de Arrecife, que viña líder da primeira rolda, logrou manterse na cabeza.

    A de hoxe foi unha xornada completa e complicada na baía de Baiona. Completa porque a frota puido disputarse as 10 probas previstas (co que xa suman un total de 18) no programa de regata; e complicada pola meteoroloxía, que volveu deixar importantes chuvascos, que atrasaron a montaxe do campo de regatas e o inicio das probas. Por sorte, o vento si axudou ás tripulacións e puxo emoción á xornada, soprando con entre 12 e 14 nós de media e refachos de ata 18-20 nós, e manténdose do sur, bastante estable durante toda a rolda.

    Con estas condicións, a tripulación do Real Club Náutico de Arrecife logrou manterse no máis alto do podio parcial tras asinar dous primeiros e dous segundos postos nas regatas disputadas hoxe, e acabando a xornada con 24 na clasificación xeral provisional.

    Os lanzaroteños van líderes seguidos moi de preto polo equipo do Real Club Náutico da Coruña, patroneado por Miguel Fernández, que hoxe, do mesmo xeito que fixese na xornada inaugural, volveu selar dous primeiros postos e axéxaos desde a segunda posición con 28.91 puntos.

    Tampouco hai cambios no terceiro posto da clasificación, no que se mantén a tripulación do Real Club Náutico Gran Canaria, con 30.82 puntos. Esa axustada separación de puntos entre os tres primeiros clasificados será a que vai garantir, mañá domingo, a emoción para a última rolda.

    Destacada foi tamén a actuación hoxe do equipo de casa. A tripulación do Monte Real Club de Iates, liderada por Fernando Yáñez, asinou un primeiro, tres segundos e dous terceiros postos, o que lle permitiu subir da sexta á cuarta posición, situándose ás portas do podio.

    A ‘Liga Española de Vela–Trofeo Loterías y Apuestas del Estado’ concluirá o seu paso por Baiona mañá domingo coa celebración das probas definitivas na auga e a posterior entrega de premios ás tripulacións que resulten gañadoras. Será, unha vez máis, unha xornada de todos contra todos nas últimas 10 mangas do tipo barlovento sotavento que acabarán por definir o podio de gañadores.

    O Monte Real Club de Iates, organizador da competición por delegación da Real Federación Española de Vela, poñerá o punto e final ao evento albergando nas súas instalacións a entrega de premios, á que asistirán o presidente do club, José Luis Álvarez; o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; o xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides; e o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez. A entrega dará comezo ás catro e media da tarde.

    Clasificación Xeral (Top 5) tras a segunda xornada

    1. Real Club Náutico De Arrecife (Lanzarote) – Leonardo Armas – 24 Puntos
    2. Real Club Náutico Da Coruña – Miguel Fernández – 28.91 Puntos
    3. Real Club Náutico De Gran Canaria – Onán Barreiros · 30.82 Puntos
    4. Monte Real Club De Iates (Baiona)· Fernando Yáñez – 37.09 Puntos
    5. Real Club Náutico De Palma (Mallorca) – Pedro Marí – 40.98 Puntos

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.