O Concello de Baiona procedeu nestas datas ao asfaltado da rúa Ponche en Baredo, unha actuación desenvolvida por iniciativa da Concellería de Vías e Obras e financiada con recursos propios do consistorio. Os traballos consistiron na aplicación dunha capa de aglomerado asfáltico e na elevación das diferentes tapas de rexistro existentes na vía.
O concelleiro responsable, Óscar Martínez, sinalou que se trataba dunha actuación de mantemento necesaria, debido ás numerosas fochancas existentes: “preocupábanos o estado do camiño, un dos máis transitados da parroquia, xa que da acceso aos barrios de Puente, O Sinal, Cela Vella e Pastor, onde se concentran numerosas vivendas”.
O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, salientou que con esta mellora, “os veciños e veciñas destas zonas de Baredo poderán gozar da mellora prevista co asfaltado desta viaria”. Gómez engadiu que “seguimos coa intención de seguir poñendo en valor as nosas parroquias, sempre co obxectivo de mellorar o día a día da cidadanía”.