O mercado de abastos de Baiona acolleu, na mañá de hoxe, a presentación do programa de actividades do BaiNadal 2022, acto no que o alcalde Carlos Gómez estivo acompañado pola concelleira de Cultura, Miriam Costas e polo presidente de ACEBA (Asociación de Empresarios e Comerciantes de Baiona) Marcos Comesaña.
Foi a concelleira Miriam Costas a encargada de facer a presentación dunha programación que definiu como “ampla, variada e apta para todos os públicos dando un especial protagonismo aos máis pequenos e pequenas que viven con especial intensidade estas datas”.
Tanto a concelleira como o alcalde Carlos Gómez, salientaron a importancia dun programa que ten, entre os seus principais obxectivos “contribuír á dinamización das zonas comerciais da vila para fomentar as compras do Nadal e o consumo nos comercios e establecementos baioneses”.

Carlos Gómez fixo fincapé que a campaña de Nadal “é unha das máis importantes do ano para o comercio e a hostalería local”. “Temos afortunadamente –recalcou o alcalde– un comercio cunha oferta ampla e variada e que, polo tanto, permite atopar de todo”. Gómez puxo de relevo o traballo que, dende o Goberno local estábase a facer “na concienciación do consumo responsable e a importancia de mercar no comercio local”.
O rexedor e a edil detallaron as actividades deseñadas “nas que puxemos todo o noso esforzo e agarimo, porque entendemos que despois de dous anos sufrindo as limitacións por mor da pandemia, Baiona merécese gozar destas festas ao grande”.
O alcalde baionés cualificou o BaiNadal 2022 como “unha aposta potente e que coida o noso tecido local” e mira con especial atención á infancia “cun amplo abano de propostas lúdicas”.

Pola súa banda Marcos Comesaña, presidente de ACEBA, fixo fincapé na importancia de consumir no comercio local. “E este comercio de proximidade o que sin ningunha dúbida ‘fai pobo’ e xera emprego” un comercio que ademáis ten a capacidade suficiente como para ofrecer todos os produtos que o público busca para este Nadal.
Diversificar escenarios
Como é habitual, as actividades e espectáculos que se desenvolvan entre o 2 de decembro e o 8 de xaneiro terán escenarios diversos para xerar un movemento de público e espallar o programa a todos os puntos do casco urbano. Así haberá actividades na Alameda Carabela Pinta, Auditorio Municipal ‘V Centenario’, Praza do Concello, Multiusos Mercado de Sabarís, Casco Vello e Avenida Julián Valverde de Sabarís.
A nota solidaria, sempre presente nas programacións de BaiNadal, terá lugar este sábado 3 de decembro. As 20:00 h celebrarase un festival a favor da ONG local Axuda ao Mundo Necesitado no que se poderá gozar das actuacións de o Rock Q’Mola e Tonichi e Pacheco.
As badaladas de Fin de Ano adiantaranse ao sábado 17 de decembro na Alameda Carabela Pinta, unha festa que xa terá ambiente dende as 22:30 h no Casco Vello cos pasarrúas de Bloquinho Aperta. Tras as uvas, ás 00:00 poderase gozar dun concerto de La Patrulla.
O 23 de decembro o Camionciño de Papá Noel percorrerá, dende as 18:00 h, a Avenida Julián Valverde e ás 20:00 h o Casco Vello para que todas aquelas persoas que o desexen poidan gozar e ver en primeira persoa a Papa Noel un día antes do seu gran día de entrega de agasallos e tamén facerlle chegar as súas peticións.
O día 24 de decembro as rúas do Casco –e previamente a Avenida Julián Valverde de Sabarís– estarán amenizadas polo pasacalles da Rondalla Santiago de Parada-Nigrán. Aquelas persoas que se acheguen ata o casco histórico da vila para gozar da mítica tarde de viños atoparanse cos ritmos e a música da charanga Nova Cubana a partir das 18:00 h.
Asi mesmo, destaca a instalación dunha pista de xeo e tubbing na Praza do Concello para o goce dos máis pequenos da casa, actividade recomendada a partir de 6 anos e que será inaugurada o próximo 21 de decembro ás 17:00 h e poderase gozar ata o próximo 8 de xaneiro en horario de 12:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 21:00 h. O Multiúsos do Mercado de Sabarís acollerá tamén o Ciclo de Cinema de Nadal programado para todos os nenos e nenas. Este mesmo espazo acollerá tamén, dende o 15 de decembro, a exposición de microbeléns, mostra que permanecerá aberta ata o 7 de xaneiro.
O Auditorio Municipal V Centenario tamén albergará numerosas actuacións da programación especial con motivo destas festas como son as actuacións musicáis do día 10 de decembro ás 21:00 h O Show de Cristián e o día 11, ás 18:00 h a actuación da cantante Sheila Patricia. Os espectáculos familiares como o do O neno Groba e a música, o sábado 17 de decembro ás 18 horas, ou a gala musical Un Conto de Nadal, o 29 de decembro ás 20:30 h, actividades baixo a dirección da Ocaband con Manquiña e Pepo Suevos.
Tamén volven os clásicos do BaiNadal, como son unha nova edición da gala de nadal da escola de danza Galicia en Danza, o domingo 18 de decembro a partir das 16:30 h; o festival de nadal da Escola de Música de Baiona, o 22 de decembro ás 19:00 h ou o festival de corais baionesas no que por primeira vez actuarán untas a coral polifónica Baiona A Real, A Cela de Baredo e a Coral de San Lorenzo de Belesar, unhas actuacións que se poderán gozar o día 23 de decembro ás 20:30 h. Doutra banda, o coro masculino, Voces Baionesas será o encargado de ofrecer o concerto de fin de ano o 30 de decembro ás 20:00 h.
O broche de ouro da programación terá lugar o mércores 4 de xaneiro coa visita dos Reis Magos ás distintas parroquias e o martes 5 de xaneiro coa Cabalgata de Reis que sairá ás 18:00 h de Sabarís e que supón un dos días máis esperados polos máis pequenos e pequenas. O punto e final a esta completa programación do Nadal o pon o festival de maxia do sábado 7 de xaneiro.