Mércores, 11 Decembro de 2024

Baiona formaliza trece contratos ao abeiro do Plan Concellos da Deputación

O Concello de Baiona, ‘Plan Concellos 2019’ vén de formalizar 13 novos contratos, a xornada completa (35 horas semanais), e cunha duración de 6 meses. Máis polo miúdo o Concello baionés contratou 1 condutor de camión, 4 operarios de limpeza viaria e recollida de lixo, 7 peóns de obra pública, e 1 técnico superior de turismo.

Os novos empregados e empregadas son persoas empadroadas no municipio de Baiona e que estaban inscritos nas listas do INEM como demandantes de emprego. Ademais, tivéronse en conta unha serie de requisitos á hora de facer a selección, de forma que tiveron preferencia as mulleres vítimas de violencia de xénero, os maiores de 45 anos e valoráronse tamén as cargas familiares dos solicitantes.

Cómpre salientar que despois de varios anos as mulleres volven a estar presentes no departamento de Vías e Obras, sen dúbida unha moi boa noticia xa que é un sector estereotipado no que a maioría dos traballadores son homes.
Ángel Rodal, alcalde de Baiona, considera unha “moi boa noticia” que 13 veciños e veciñas de Baiona “poidan beneficiarse deste tipo de contratos, xa que lles garante uns ingresos. Ademais, co seu traballo axudarán a manter e a mellorar diversos servizos municipais que son moi necesarios.”

Estas incorporacións xa se fixeron efectivas, quedando pendentes 8 contratacións máis dentro do mesmo ‘Plan Concellos’ que está previsto que se realicen nos próximos meses e que, sumadas ás anteriores, farán un total de 21 novos empregos.