23.5 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Setembro de 2023
Máis
    HomeVal MiñorBaionaBaiona e "Meet Rural" colaboran para que as empresas desenvolvan a súa...

    Baiona e “Meet Rural” colaboran para que as empresas desenvolvan a súa presenza en liña

    O Concello de Baiona chegou a un acordo coa plataforma dixital Meet Rural para que, como oferta de lanzamento, a creación do perfil para as empresas do municipio sexa gratuíta.

    Meet Rural xa está en marcha en Baiona. Unha plataforma dixital que ten como obxectivo dinamizar as contornas rurais e o seu tecido empresarial, a través de diferentes iniciativas como un directorio dixital e a súa promoción a través de distintas canles, dando maior visibilidade ás empresas e os seus servizos. Ademais levarán a cabo outras accións complementarias como encontros empresariais, co obxectivo de establecer contactos e posibles colaboracións entre as empresas locais.

    Dentro da plataforma terá un importante peso as empresas de experiencias turísticas, aloxamento, comercio, restauración e demais negocios vinculados ao turismo, que son o motor económico da zona. Tamén ofrece un buscador que inclúe os lugares e recursos de patrimonio cultural, natural e outras instalacións públicas, dándolles unha maior divulgación.

    Meet Rural nace como unha plataforma para os municipios rurais da eurorrexión Galica – Norte de Portugal, co obxectivo de xerar sinerxias en todos eles e empeza a súa andaina en Baiona. Xunto co tecido empresarial promoverase información local, daranse a coñecer tradicións, gastronomía, patrimonio e moito máis.

    “O obxectivo é que o noso municipio poida crear unha comunidade dixital da que forma parte tanto o Concello como o seu tecido empresarial, permitindo ao usuario atopar toda a información público-privada reunida nun mesmo portal”, sinala o Alcalde, Carlos Gomez Prado.

    Meet Rural é un proxecto nado en Baiona e creado por dúas veciñas do municipio, que ofrece a ferramenta para que as pequenas e medianas empresas poidan competir tamén en linea.

    Desde o Concello de Baiona quérese apoiar esta iniciativa chegando a un acordo para que todas as empresas, asociacións, clubs e demais entidades locais poidan crear o seu perfil básico de maneira gratuíta e así desenvolver e reforzar a súa presenza en linea participando dunha comunidade local dixital.

    Os comercios e empresas de Baiona son un dos motores da economía da vila. Ademais, a proximidade e o trato familiar que ofrecen aos veciños, xunto á creación de riqueza, emprego e a fixación de poboación, incrementan o seu valor. Por iso, desde a institución municipal apóiase esta proposta co fin de darlle un impulso ao comercio local a través das novas canles de comunicación animando a comprar nestes establecementos habituais, a través destes canles. Os comerciantes, como en moitos sectores, pasaron por momentos moi complicados e facer as compras nestes establecementos é apostar pola riqueza e o emprego de Baiona.

    Meet Rural segue evolucionando e en breve agregará novas funcionalidades, como eventos, actividades, ofertas de emprego e formación… todo iso para crear un único lugar onde buscar.

    Todos os negocios, asociacións e demais entidades de Baiona que desexen aparecer na plataforma de maneira gratuíta só teñen que poñerse en contacto co equipo de Meet Rural a través do correo info@meetrural.com, de Instagram (@meetrural) ou do teléfono 610 600 989.

    LIBROS

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas.

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector.

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo.