Domingo, 4 Maio de 2025

Baiona agradece á empresa ‘Akiwater’ o préstamo de maquinaria para desinfección con ozono

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, agradeceu hoxe no seu nome e no de toda a Corporación Municipal, “o xesto solidario da empresa Akiwater” ao prestar ao Concello unha máquina de desinfección con ozono para utilizar no material que empregue o persoal municipal no desenvolvemento das súas funcións.

Con un sistema ecolóxico e sen utilización de deterxentes, a maquinaria prestada por Akiwater permitirá unha desinfección a fondo tanto dos vehículos como material “que diariamente utiliza o persoal municipal na súa labor de manter en funcionamento os servizos básicos para a cidadanía”, subliña o alcalde de Baiona.

Gómez destacou a “implicación, solidariedade e compromiso” das empresas que, pese ás dificultades que están a pasar nesta crise sanitaria e a declaración do estado de emerxencia, “son quen de prestar o seu apoio desinteresado ás administracións para que estas poidan seguir traballando a prol dos seus veciños e veciñas”.