Domingo, 4 Maio de 2025

Autocine a vindeira fin de semana en Chan da Lagoa

O vindeiro sábaro 13 de novembro, ás 19:30 horas en Chan da Lagoa, proxectarase en autocine “La boda de Rosa”. O autocine contará cunha pantalla de 150 metros cadrados, unha das máis grandes instaladas no noroeste peninsular.

O acceso de vehículos ao recinto iniciarase ás 18:30 h. O  autocine permitirá oír desde o coche a película, xa que será na propia radio do turismo desde onde se sintonizará a frecuencia, que se facilitará á entrada do recinto. Os coches iranse colocando en diferentes posicións segundo a orde de chegada.

Na sesión de cinema de tarde do próximo sábado 13 de novembro, haberá persoal de acomodo para dar información e facilitar o estacionamento. Terá unha capacidade para 100 vehículos. Trátase dunha actividade que, ademais, incorpora a perspectiva de xénero. Aquelas persoas interesadas en desfrutar da película poden descargar as entradas gratuítas a través do enlace do calendario da páxina web do Concello de Baiona: www.baiona.gal/calendario ou na páxina web www.autocine.gal.

Esta actividade está subvencionada pola Deputación de Pontevedra, no marco da Liña 2 do Plan Concellos 2021. Colaboran tamén na organización da iniciativa a Comunidade de Montes de Baíña e Protección Civil do Val Miñor.

La boda de Rosa

Trátase dun filme de 2020 que amosa as complicacións que conleva un cambio de vida. Baixo a dirección de Icíar Bollaín e coa interpretación de Candela Peña, Sergi López e Nathalie Poza, entre outros, a película narra a crise existencial que atravesa Rosa. A piques de cumprir 45 anos , a protagonista decide emprender un negocio propio e romper con todo o que estivo facendo ata entón. Pronto descubrirá que a súa familia ten outros plans. “La Boda de Rosa” cultivou numerosos galardóns nos Premios Goya, Premios Forqué, Premios Feroz ou no Festival de Málaga.