Mércores, 23 Abril de 2025

Arranca a II edición do Blue Atlantic Forum

O Parador de Baiona acollerá dende este mércores ata o vindeiro venres a segunda edición do BLUE ATLANTIC FORUM, organizado polo Concello de Baiona. Serán tres días de reflexión e análise centrados en tres sectores de vital importancia na economía azul e claves para o desenvolvemento sostible de Galicia: a pesca e a acuicultura, a biotecnoloxía mariña e o turismo costeiro. Tras o éxito da primeira edición celebrada en novembro pasado, ducias de profesionais e expertos de toda Galicia e tamén doutras zonas costeiras como Canarias, Cataluña, País Vasco, Baleares ou Murcia e mesmo doutros países como Portugal ou Chile reúnense en Baiona neste foro de debate e posta en común sobre as oportunidades arredor da economía azul desde unha perspectiva atlántico-europea. 

Este mércores as xornadas arrancarán coa inauguración do foro coa presencia do alcalde de Baiona, Carlos Gómez quen dará a benvida aos participantes; Silvia Solís Reyes, subdirectora xeral de sostenibilidade económica e asuntos sociais da secretaría de Pesca, dependente do MAPA,  Susana Rodríguez, directora xeral de desenvolvemento pesqueiro da Xunta de Galicia e Iria Lamas, deputada de transición ecolóxica e medio ambiente da Deputación de Pontevedra.

Na primeira xornada do foro analizarase a sustentabilidade e o futuro do sector da pesca, con especial atención na pesca artesanal. A certificación do peixe para reforzar a súa calidade e as posibilidades de financiamento de proxectos pesqueiros neste marco tamén se tratarán neste encontro no que participarán produtores e representantes de organizacións do sector.

Grazas á organización desta segunda edición, financiada polo Galp Ría de Vigo-A Guarda, o Concello de Baiona reforza a súa posición como destino azul por excelencia dentro do panorama autonómico e nacional, tanto pola súa situación xeográfica como pola súa importancia económica das empresas dos sectores consolidados e emerxentes da economía azul na súa contorna.

O foro está aberto e a inscrición para seguilo tanto presencialmente como online é gratuíta para os interesados, que poden inscribirse a través de Ataquilla, xa que as prazas para acudir ao Parador son limitadas. Toda a información sobre o contido e o programa do foro pódese atopar na páxina web https://blueatlanticforum.org/.

*Pódese asistir de forma física (prazas limitadas) e online dende o enlace de Ataquilla:https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/varios/parador-de-baiona/14648–blue-atlantic-forum-2022.html